OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vilalba Aberta pedirá en pleno responsabilidades polos “incumprimentos” coa escola infantil

Vilalba Aberta vén de anunciar que no vindeiro pleno municipal esixirá “responsabilidades” ao Goberno vilalbés, en relación cos “continuados incumprimentos” co prometido á asociación de nais e pais do alumnado da Escola de Educación Infantil da localidade.

Así, pola vía da moción de urxencia, tramitarán unha interpelación coa que requerirán a comparecencia da Alcaldesa e que ten como obxectivo, din, “a reprobación política da Concelleira de Políticas Sociais e Réxime Interno, Marta Rouco”. A formación asamblearia, quixo facer súa a “máis que xustificada” indignación das familias e da Anpa, logo de que o Goberno Local anunciara que o servizo de comedor non ía estar listo para novembro “tal e como estaba previsto e comprometido”.

Vilalba Aberta censura, ademais, que “unha vez máis” se incumpra outro compromiso municipal, “logo de anuncialo a bombo e pratos, e tomándolle o pelo, uns e outros, á veciñanza aludindo a que as administracións implicadas estaban a favor da súa posta en marcha”.

Tal e como apuntou a vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, o “decepcionante” anuncio do Goberno constitúe un novo chanzo na “nefasta xestión municipal” ao respecto das políticas de conciliación, “xusto no momento no que máis necesarias son para as familias traballadoras de vila e parroquias”.

A este respecto, a concelleira de Vilalba Aberta fixo súas as críticas da xunta directiva da Anpa da Escola, en relación coa “insuficiente dotación económica das subvencións para conciliación” e a “ausencia do prometido servizo municipal de madrugadores”.

“O Goberno do PSOE tumbou o sistema municipal de cheques axuda á conciliación, aprobado en Pleno a iniciativa de Vilalba Aberta e que poñía a disposición das familias traballadoras arredor de 160.000€ no primeiro ano. Despois incumpriu a súa promesa de pór en marcha un Servizo Municipal de Madrugadores. Agora, volvemos vernos na obriga de censurar politicamente a súa xestión ao respecto do servizo de comedor, cuxa carencia deixa desatendidas ás familias máis vulnerables, tendo en conta as súas dificultades económicas que se foron agravando por mor da pandemia”, explicou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com