Vilalba Aberta pide ao Concello que asuma a xestión da Piscina como paso previo á súa remunicipalización

A asemblea de Vilalba Aberta vén de facer público o seu posicionamento ao respecto da saída a concurso do servizo da Piscina e o Parque Acuático para os próximos catro anos. Un debate, previsto na orde do día do Pleno Ordinario do vindeiro luns e no que a formación asemblearia defenderá o inmediato control municipal de ámbolos servizos coma paso previo á súa definitiva remunicipalización.

Na súa argumentación, fan referencia aos sobrecustes inherentes a toda adxudicación e ás posibilidades que para as arcas municipais suporían o aforro nas porcentaxes referidas á cota de beneficios industriais que ata o de agora se reservaba a empresa, das comisións comerciais así coma no que ten que ver co pagamento do correspondente IVE, a realizar con cada factura remitida, e que dende Vilalba Aberta cifran
nun extra de 56.016,01€ en base ao explicitado no orzamento máximo de licitación.

A este respecto, e segundo os estudos realizados desde a Federación Española de Municipios e Provincias, o aforro mínimo que se produciría pola remunicipalización do servizo estaría en torno ao 30% e sería seguramente superior, como demostran algunhas experiencias de Concellos que retomaron o control directo de servizos das memas carácterísticas no que vai de lexislatura.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro e edil, Modesto Renda, quen apelou á responsabilidade do Goberno Municipal, subliñando a importancia de optimizar recursos e capital humano na súa defensa dun modelo de xestión pública que, ao tempo que aseguraría que o obxecto da prestación se reduza en exclusiva ao que ten que ver coa calidade do servizo, blindaría a estabilidade nas condicións e dereitos duns traballadores vítimas, tamén, do proceder en materia laboral das dúas últimas adxudicatarias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo