Vilalba Aberta presenta as súas liñas de actuación para o novo curso político no Concello

Os concelleiros de Vilalba Aberta, Modesto Renda e Mª Xosé Fernández, avanzaron este luns as liñas de traballo que levarán adiante no comezo do novo curso político. Así, acompañados por varios membros da formación municipalista, os edís explicaron polo miúdo os eixos de actuación a través dos que pretenden contribuír, dende o exercicio dunha oposición “seria, rigorosa e en positivo”, a “dar solución aos problemas da veciñanza” e “desbloquear os temas pendentes da lexislatura”.

“O traballo de Vilalba Aberta no Concello é sinónimo de responsabilidade, fiscalización e consensos en beneficio da veciñanza”, apuntou un Modesto Renda, que definiu o acordo programático ao que a súa formación chegou no pasado mes de Agosto co PSOE como “o máis claro exemplo” de que a estabilidade e o desbloqueo da parálise municipal “só vira da presenza de Vilalba Aberta na mesa de negociacións”.

“Grazas ao acordo que arrincamos do PSOE, desbloqueáronse as axudas a autónomos e deuse luz verde a un investimento nas parroquias de preto de 800.000€. Agora toca sacar adiante uns orzamentos e o goberno sabe que a nosa man está tendida”, apuntou.

“Non podemos entender que o PSOE siga gobernando por decreto co presuposto do PP e non pode haber descanso para Vilalba Aberta namentres as necesidades das parroquias, dos autónomos e das familias traballadoras non estean blindadas nunhas novas contas municipais”, declarou a este respecto Renda.

A formación municipalista ofreceulle ao PSOE pactar as de 2020 e as de 2021. É por isto que seguirán traballando dende o mesmo comezo deste novo curso político, a fin de que o Concello de Vilalba deixe de ser o único da Provincia sen presuposto dende 2019. “Que Vilalba siga a ser unha negativa excepción en materia de contratación e réxime interno, en base á incapacidade do goberno para sacar adiante a R.P.T (Relación de Postos de Traballo) é unha cuestión central para o noso Grupo Municipal”, explicou Renda. O voceiro, que definiu a problemática como “a base da lentitude e a improvisación coa que o goberno xestiona as diferentes áreas”, avanzou que volverán interpelar á edil delegada en materia de persoal, Marta Rouco, co fin de que dea conta da inexplicable parálise, toda vez que o “convenio colectivo xa quedou aprobado na anterior lexislatura”.

Igualmente críticos son dende a formación municipalista, co feito de que un servizo público “fundamental para a veciñanza de vila e parroquias”, como é o de recollida de lixo e limpeza viaria sume practicamente un ano fóra de contrato. Renda, que tachou de “irresponsable e alegal” a actual prestación do servizo pola aplicación da doutrina “da vía de feito”, sen prórroga nin licitación, urxirá á Alcaldesa a facer público o estado do proceso de renovación dunha contrata, que “non contempla prórroga e que calquera goberno responsable e previsor tería xa hai meses listo en tempo e forma”, censurou.

Así mesmo, Vilalba Aberta seguirá a traballar da procura dunha solución para as traballadoras do servizo de limpeza nos colexios e instalacións. Unha problemática que, tal e como recordou Mª Xosé Fernández, foi denunciada diante do goberno polas mesmas traballadoras e por Vilalba Aberta en decembro do pasado ano.

O compromiso coa ampliación do chan industrial, en base ao interese de varias empresas por asentarse no Concello e ao afán por conseguir que outras dean ese paso, representou o primeiro punto do Programa Electoral co que Vilalba Aberta concorreu ás Eleccións Municipais do pasado 26 de Maio.

Noutro senso, tanto na anualidade 2020 como na de 2021, Vilalba Aberta ofreceulle ao PSOE pactar que os arredor de 200.000€ do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico – reverteran directamente nas parroquias. Lamentablemente, e do mesmo xeito que acontecía nas lexislaturas do PP, o seu destino segue a ser o casco urbano e neste senso, dende a formación, definiron esta proposta como “unha verdadeira liña vermella en calquera negociación dos Orzamentos”.

Os Fondos Europeos de Recuperación son, para Vilalba Aberta, unha oportunidade que o Concello non pode deixar pasar de cara a cumprir cunha demanda histórica. E nese senso, a iniciativa que formación conseguiu sacar adiante, a fin de que goberno local e Xunta elaboraran un proxecto que sitúe ao Concello de Vilalba en disposición de optar ao financiamento do Centro de Día.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com