Vilalba Aberta presenta o primeiro programa participativo da localidade

Vilalba Aberta presentou na mañá de hoxe o seu anunciado proceso de participación veciñal de cara a redacción do programa que defenderá nas eleccións municipais. Baixo o nome de Vilalba Decide e a través dunha ferramenta de participación online, a formación asemblearia fará posible así que, por primeira vez na historia do Concello, os veciños de vila e parroquias poidan decidir punto por punto o programa electoral dunha formación política de cara a unhas Eleccións Municipais.

A través da dirección web www.vilalbaberta.org/participa/, todas as persoas empadroadas en Vilalba terán a posibilidade de enviar as súas propostas ata o vindeiro venres 15 de febreiro, ás que se lles sumarán aquelas que Vilalba Aberta poida recibir logo da convocatoria de ao menos dúas asembleas programáticas presenciais. Un engadido, pensado para favorecer tamén a participación de todos aqueles veciños que
non dispoñan de conexión ou acceso a internet e desexen igualmente participar da elaboración colaborativa.

Neste senso, e unha vez expirado o prazo, a formación activará un procedemento de avaliación de dous días a fin de analizar a viabilidade xurídica e económica das achegas. A forma de participar é sinxela, e ben sexa a través dun móbil, ordenador ou tableta, calquera veciño poderá rexistrarse en cuestión de segundos. Unha vez dentro da Plataforma, deseñada en forma de foro a fin de que os participantes poidan debater sobre as propostas xa creadas, a veciñanza poderá elixir entre 21 bloques temáticos que versan dende os máis comúns “Servizos Públicos”, “Urbanismo” ou “Fiscalidade” ata os de “Seguridade e convivencia”, “Políticas para as persoas maiores”, “Mocidade” ou “Agricultura e Gandería”.

Unha proposta marco que, en palabras do voceiro e edil Modesto Renda, agardan “sexa o suficientemente ampla para responder ao xeito de facer que coa posta en marcha deste Programa Participativo ambicionamos, isto é: Un continuado procedemento colectivo, baseado na participación e a corresponsabilización da veciñanza na construción da Vilalba que soñamos.”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo