Vilalba Aberta solicita que o persoal de Axuda no Fogar teña acceso preferente á vacina

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa de cara ao Pleno Ordinario correspondente ao mes de Xaneiro. Unha interpelación directa aos grupos con representación municipal, cuxo obxectivo é o de instar “con carácter de urxencia” á Xunta a que as traballadoras do Servizo de Atención no Fogar (SAF) teñan a consideración de persoal sanitario en primeira liña e sexan incluídas de forma prioritaria, polo tanto, nos plans de vacinación da mesma.

Tal e como explicou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, “en Vilalba, o SAF conta con máis de cen profesionais que dan servizo a outros tantos usuarios que forman parte da poboación de risco”. Profesionais, lembrou, que “día a día coidan dos nosos maiores e dependentes”, realizando, “un labor fundamental que as administracións non están a recoñecer”.

Unha opinión compartida pola educadora social e membro da asemblea de Vilalba Aberta, María Pérez, quen puxo como exemplo o caso de “traballadoras deste servizo que poden atender a varios usuarios diferentes en vivendas diferentes no mesmo día” e isto, explicou, “implica un elevado risco de propagación da covid-19”. Na mesma moción, Vilalba Aberta reclamará que se incremente o número e a periodicidade das probas PCR ao persoal de atención no fogar, cando menos mentres non se complete a vacinación. A este respecto, Renda e Pérez insisten en que, “se existe algún contaxio, este debe ser detectado canto antes”.

O voceiro de Vilalba Aberta confía en que o pleno aprobe por unanimidade esta proposta. Na súa opinión, “non se trata só de esixir que coidemos a quen nos coida, senón tamén de recoñecer o labor tan importante que realizan, que en moitas ocasións vai máis alá do que o seu traballo lles esixe”. Renda considera que atender esta petición “é de xustiza, máis aínda cando día a día estamos a ver nos medios casos de “verdadeiros indecentes” que aproveitan a súa posición de poder para vacinarse antes de quen realmente o precisa”.

“O persoal do SAF estanse xogando o tipo, e a Consellería de Sanidade debe ter en conta o importante traballo que están a realizar á hora de deseñar o plan de vacinación, antes de que sexa demasiado tarde” sentenciou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com