Visitas, obradoiros e outras actividades no programa escolar no Centro de Interpretación do río Rato

O Goberno da Deputación organiza neste 2019 un amplo programa de actividades formativas dirixidas aos centros educativos da provincia e adaptadas aos diferentes cursos, como visitas ou obradoiros, que terán lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no paseo do río Rato. Todas as actividades son gratuítas e para inscribirse a dirección do centro deberá poñerse en contacto coa Área de Medio Ambiente a través do teléfono 982 227 813 ou ben na dirección de correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org

O Vicepresidente da Deputación e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, animou a todos os centros interesados “a participar totalmente de balde na programación medioambiental que lles ofertamos dende o Executivo Provincial, pois queremos que os cativos se acheguen á natureza por medio dunha educación transversal, para fomentar neles o respecto e cariño polos nosos recursos naturais”.

Todos os centros da provincia poden participar no programa que consiste na realización de visitas adaptadas aos currículos dos diferentes cursos, con diferentes modalidades: visitas guiadas, visitas guiadas con paseo polo río Rato, visitas activas cun caderno de actividades, ou visitas-obradoiro. Tamén se ofrece a posibilidade de que sexan os profesores quen impartan unha clase empregando o material e as instalacións do Centro de Interpretación.

Actividades durante todo o curso

As actividades están dispoñibles durante todo o curso escolar e non existe un prazo límite para solicitalas “se ben é certo que os paseos son preferibles na época primaveral, pois a natureza retorna á vida despois do inverno e o alumnado pode desfrutalo máis” aclarou o Vicepresidente.

“Os rapaces teñen a oportunidade de achegarse ao centro de interpretación e desfrutar da natureza dende un punto de vista diferente e activo e, os da comarca de Lugo, tamén poderán participar en O Centro de interpretación na rúa na que son os traballadores quen se despraza aos colexios para traballar co alumnado” explicou Fernández Queipo quen tamén destacou a participación de moitos centros no curso anterior no Programa de Seguimento Fenolóxico da Rede Española de Reservas da Biosfera: “trátase dun programa de ciencia cidadá que consiste no observación de especies comúns para analizar os cambios das datas dos seus feitos biolóxicos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo