XLIII Semana de Cine de Lugo

Despois do acontecido na sociedade da que formamos parte, que -falando só de cine- nos obrigou a celebrar a Semana do pasado ano dun xeito especialmente constrinxido, fóra do calendario habitual, mesmo facéndonos comprobar e demostrar que o Cine é quen de superar todas as barreiras, enfrontamos a Semana de 2021 con igual entusiasmo e agardemos que mellores perspectivas.

Acomodándonos á normativa que as circunstancias propicien, volvemos ao tradicional setembro, con renovado entusiasmo, e o desexo de mergullar aos lucenses cinéfilos nun océano de cine, provocador e propiciador, para que a especial arte que conxuga imaxe e son, nos invada, nos inflúa, nos conforte…

E entre as homenaxes que co cine compartiremos teremos especiais mencións ao Camiño a Compostela que pasa pola capital, o Camiño Primitivo; honraremos a dona Emilia Pardo Bazán, na sua efeméride; terá Guitiriz un lugar especial con dúas producións que ao concello afectan; e exhibiremos un Ciclo Covid para homenaxear a todas e todos os protagonistas, por activa (profesionais da sanidade) e por pasiva (enfermos e falecidos), desta traxedia que se abateu sobre o xénero humano.

Honraremos a un actor lucense, de Riotorto, Luís Iglesia, que ten conseguido un principal lugar no cine galego, cun estudo sobre a súa vida e obra no que Manuel Curiel vén traballando desde hai tempo.

Na xa longa historia de organización da Semana fomos acusando o impacto de irreparables perdas na nosa xeografía humana, e este ano lembraremos de xeito especial a María José Vázquez Vizcaíno, esposa do noso compañeiro Carlos Rodríguez Arias, da que sempre valoraremos o seu apoio e entusiasmo.

E xa que este ano cumpriu cen o xenial creador da inmortal “Bienvenido Mr. Marshall”, o cartel anunciador da Semana, obra da artista lucense Sabela Arias, dá proba do noso agarimo polo xigante da sétima arte proclamando “Benvido a Lugo, Mr. Berlanga!”.

Que un tsunami de cine (135 películas) se abata sobre Lugo, e que nos deixe no posible limpos de malos recordos, e -como Berlanga “dixo”- despois de “El apagón”, de que “El verdugo” nos ameazase, saibamos torear “La vaquilla” e gozar dun tempo “Plácido”, no que poidamos vivir “Días de viejo color”, e xa que “La vida siempre es corta”, agardemos “Los jueves, milagro”, podendo sempre cantar “Las 4 verdades”, dentro da vida que sempre vén sendo “El extraño viaje”, e formando cada un de nós co cine “Esa pareja feliz”. Amén.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com