" />

A Xunta fomentará a reciclaxe en Lugo con actividades lúdicas esta fin de semana

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na apertura da campaña de fomento da reciclaxe que durante toda a fin de semana desenvolverá na cidade a Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en colaboración con Ecoembes e Sogama.

Balseiro visitou o tráiler expositivo e coñeceu as actividades de carácter lúdico e didáctico que se sucederán nos vindeiros días para concienciar e sensibilizar aos cidadáns sobre a necesidade de contribuír á reciclaxe.

O tráiler da campaña Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclemos mellor, permanecerá na Horta do Seminario ata o vindeiro domingo. Monitores medioambientais asesorarán sobre a correcta separación de residuos e ofrecerán pautas para realizar un consumo responsable e alongar a vida útil dos produtos a través da súa reutilización.

Igualmente, están previstas diversas actividades. Así, xunto ao tráiler habilitarase un circuíto de “triciclos” e un inchable para os máis cativos, así como un xogo xigante sobre a reciclaxe. Todos os días, ás 19.00 horas, Celia Pía presentará o monólogo musicado titulado “A reciclada historia dos espíritos 3R e os desperdiciantes viláns”.

Unha zona denominada “Encesta os teus residuos” habilitada con canastas servirá para poñer a proba os coñecementos sobre a correcta separación de residuos así como a pericia dos participantes á hora de encestar cada residuo na canasta correcta.

As actividades son gratuítas e, se a climatoloxía o permite, desenvolveranse en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 21:00 horas da tarde.

Dúas bicicletas rotuladas percorrerán as principais zonas da cidade, como o casco histórico, o parque Rosalía de Castro, Fontiñas, Augas Férreas, O Castiñeiro ou A Milagrosa, entre outros.

A campaña, en definitiva, pretende captar a atención dos transeúntes para explicarlles con detalle o principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e como incorporalas á vida diaria. Ten vocación participativa, polo que as persoas que o desexen poderán achegar as súas propostas sobre como minimizar a xeración do lixo e incrementar as taxas de reciclaxe e reutilización dos produtos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo