A Xunta inviste 2,8 millóns de euros para a mellora das rutas xacobeas

A Xunta de Galicia inviste este ano, a través de Turismo de Galicia, máis de 2,8 millóns de euros en obras de mellora, recuperación e promoción das rutas xacobeas na provincia de Lugo. Así o anunciou en rolda de prensa o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen subliñou que o compromiso do Goberno galego co Camiño de Santiago “tradúcese nun relevante esforzo orzamentario para mellorar as rutas e tamén en iniciativas vinculadas á mellora dos servizos que prestamos aos que nos visitan, a través de obras na rede pública de albergues”.

Balseiro relacionou o conxunto dos investimentos rematados ou en execución no presente exercicio, aos que se engaden outras actuacións que se desenvolven a través de convenios, como o que asina a Xunta co Bispado de Lugo para a apertura das igrexas no Camiño, por importe de 129.000 euros.

Igualmente, Turismo de Galicia asina convenios de carácter plurianual cos concellos galegos do camiño francés, que suman un investimento de máis de 1,1 millóns de euros e van dirixidos a promover actuacións de mellora e mantemento, de atención e información ao peregrino e de promoción desta ruta, así como á creación dun itinerario gastronómico.

O delegado sinalou que “na Xunta estamos xa traballando arreo para chegar á próxima cita histórica en óptimas condicións. Ante nós o gran reto ten nome e apelidos: O Xacobeo 2021”, e animou “ao resto de administracións e a todos os colectivos a traballar conxuntamente para saber aproveitar o potencial das rutas xacobeas lucenses, a fomentar accións innovadoras no eido do turismo cultural e a estimular o coñecemento do noso patrimonio”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com