A primeira Alcaldesa de Lugo recibe no Concello á primeira Subdelegada do Goberno

O Concello foi esta mañá  testemuña dun encontro para a historia: a primeira muller alcaldesa de Lugo recibiu no seu despacho á primeira muller Subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez López.

“Lugo é feminino.Somos moitas mulleres en cargos de responsabilidade, tanto a nivel institucional como orgánico, o que significa que estamos abrindo unha nova etapa”, subliñou Méndez, quen se amosou “tremendamente satisfeita” porque o feito de que “haxa unha nova subdelegada significa que houbo un cambio de Goberno, o que será fructífero para o Estado e, polo tanto, para a cidade de Lugo”.

Así mesmo, a rexedora resaltou que Isabel Rodríguez é “unha compañeira cunha gran traxectoria, unha gran profesional e unha gran política, que leva moitos anos desempeñando unha moi boa labor no Concello de Viveiro e con outras responsabilidades, como a de responsable de Sanidade na Comisión Executiva Nacional Galega dos socialistas”. Isto, engadiu, “é un garante de que temos unha persoa comprometida con Lugo, que vai a facer un traballo moi fructífero, e en clave de xénero”. Deste xeito, afirmou, “creo que vai a ser moito máis sensible na problemática que temos como sociedade coa violencia de xénero”.

Lara Méndez desexoulle a nova Subdelegada “moita sorte nesta nova etapa que inicia. Como ten detrás unha traxectoria que a avala, o éxito está asegurado”. Pola súa banda, Isabel Rodríguez amosou “ilusión e gañas de traballar por toda a provincia de Lugo, por todos os veciños e veciñas”, nesta nova etapa, na que desenvolverá un traballo “completamente distinto do que viña realizando ata o de agora”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com