Balseiro lémbralle á rexedora de Sarria que a Xunta leva investidos 14,5M€ na vila

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, saíu ao paso das declaracións efectuadas pola alcaldesa de Sarria, Pilar López, e lembrou que o goberno autonómico ten investido 14,5 millóns de euros nos últimos dous anos no municipio. 

O delegado do Goberno galego na provincia corrixe así á rexedora que puxo en dúbida o compromiso inversor das administracións autonómica e central, salientando que este é un argumento que non se sostén “facendo un simple repaso” das achegas máis recentes que a Xunta realizou en apoio da veciñanza deste municipio.

“Emprazámola -seguro que non poderá- a que nos diga calquera outra administración que achega máis recursos para Sarria que a Xunta. Facémolo ademais en todos os ámbitos: desde o apoio ao rural, ata no financiamento da educación, servizos sociais, sanidade ou emprego, por citar os máis relevantes”

Así por exemplo a Xunta achega máis de 530.000 euros, cada ano, a través do Fondo de Cooperación Local, que o Concello pode destinar a financiar libremente os bens e servizos que estime axeitado; tamén a administración autonómica destina anualmente preto de 270.000 euros para o sostemento dos servizos sociais municipais (servizo de axuda a domicilio para persoas dependentes e salarios dos traballadores sociais).

A Xunta tamén achega máis de 56.000 euros ao centro de información a muller (CIM) (persoal e actividades), destinou recursos económicos para poñer en marcha os sucesivos obradoiros de emprego aprobados nos últimos dous anos (279.000 euros), ou para a contratación de perceptores de Risga (dez traballadores con 102.000 euros).

No ámbito turístico, a Xunta achegou 15.000 euros para distintas obras de sinalización e contratación do persoal da oficina de turismo e realiza, cada ano, achegas directas para a mellora do Camiño de Santiago (a través da mancomunidade) que superan os 150.000 euros (repartidos en tres anualidades).

Con todo as achegas máis relevantes son as que a Xunta destina aos profesionais do medio rural, nun municipio cun importante peso específico da actividade gandeira e agraria. As achegas da Xunta superan os 12 millóns de euros e inclúen desde axudas á incorporación de mozos, pequenas explotacións, a plans de mellora, axudas agroambientais ou as axudas da PAC.

Outro dos ámbitos nos que se ten realizado un esforzo inversor máis relevante é nas achegas destinadas polo Goberno galego para impulsar melloras dos centros educativos da localidade (EIP Frei Luis Granada, IES Gregorio Sanz, CEIP Antonio Fdez López e IES Xogar Alfonso Gómez) con variados investimentos que superan os 80.000 euros, ás que teríamos que sumar os apoios á escola de música (5.200 euros), mellora das coleccións da biblioteca (3.600 euros) e aos programas de dinamización lingüística.

Todo isto sen cuantificar outros servizos financiados desde o Goberno galego como pode ser os de comedores e transporte escolar e os salarios e mantemento do profesorado de colexios e instituto, do centro de saúde, do centro de atención á discapacitados (CAP), das oficinas agrarias e distrito forestal ou oficina de emprego, que aumentarían de xeito moi relevante a cifra de investimento total.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo