O delegado do Goberno visita as novas oficinas do SEPE na antiga residencia 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a funcionalidade das novas oficinas do SEPE no barrio da Residencia de Lugo, que darán servizo a máis de 27.000 lucenses nos seus 350 metros cadrados de espazo, onde o Goberno investiu 1.227.000 euros na súa remodelación.

Pedro Blanco visitou as instalacións esta mañá acompañado pola alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e a directora provincial do SEPE en funcións, Ana María García. Este novo edificio integra os servizos das anteriormente existentes nas rúas Río Cabe e Campos Novos.

O delegado puxo en valor tamén a cesión gratuíta dos terreos da antiga Escola de Enfermería a través da Tesourería Xeral da Seguridade Social, “o que fixo posible o acondicionamento do edificio que alberga tanto as oficinas de emprego da Xunta de Galicia como as do SEPE”. E subliñou que o Goberno de Pedro Sánchez garante así que Lugo dispoña dun novo centro de servizos de emprego, moderno e eficiente, que atende diariamente a máis de 100 persoas.

O delegado explicou que “no último ano o SEPE realizou na provincia de Lugo preto de 33.000 xestións, nas que sobresaen a tramitación das prestacións por desemprego, que sumaron na provincia 109 millóns de euros”. Desta cantidade, Pedro Blanco detallou que na cidade de Lugo tramitáronse o 46% do total de prestacións por desemprego, con 50 millóns de euros abonados na capital.

Na visita, Pedro Blanco agradeceu á directora provincial do SEPE en funcións, Ana María García, “o traballo de todo o persoal deste Servizo”. Tamén fixo mención “á vontade do concello de Lugo de axilizar todas as licenzas para o acondicionamento destas novas oficinas”. E concluíu sinalando que este investimento “amosa novamente o compromiso do Goberno coa mellora das infraestruturas na cidade e na provincia de Lugo e á hora de facilitar mellores espazos para os servizos públicos, tanto para os empregados e empregadas públicas como para as persoas usuarias”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com