O Concello emite a orde de derribo do Garañón

O Concello de Lugo vén de emitir a orde de demolición do Garañón outorgando á propiedade un prazo de dous meses para que presente o proxecto de execución destes traballos. Así o anunciaba esta mañá a rexedora, Lara Méndez.

“De non acatar este imperativo, a Administración local asumirá os traballos subsidiariamente para o que, xa no pasado mes de xullo, demos inicio ao expediente de contratación correspondente que nos permitirá ter avanzada a tramitación necesaria para cumprir, canto antes, a sentenza que obriga a repoñer a legalidade urbanística na contorna”, sinalou a alcaldesa.

Méndez lembrou que a licitación – cuxo valor estimado ascende a 965.000 € – abrangue a redacción dun proxecto visado de obras completo de demolición pero tamén a reposición ao estado orixinal dos terreos, a execución das obras, así como a dirección facultativa necesaria das mesmas que inclúe todo o edificado sen título habilitante.

A alcaldesa fixo fincapé en que os pregos recollen dous prazos diferenciados para asumir os labores, establecéndose un de 2 meses para entregar o proxecto completo e outro de 8 para materializar demolición.

Pola súa parte, o concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, indicou que o Decreto asinado, recolle tamén a desestimación, por parte da Administración local, das alegacións presentadas polos interesados ao expediente de Disciplina Urbanística no que quedaba de manifesto a discordancia entre a licenza outorgada no seu día – e posteriormente anulada – e o finalmente construído.

O edil recordou que o Goberno local encargou un levantamento topográfico da realidade existente das obras para superpoñelo cos datos obtidos no mesmo, “o que permitiu certificar que o edificado non respectaba o delimitado no título habilitante concedido e que, por tanto, o inmoble, ademais de ilegal é totalmente ilegalizable ao amparo do ordenamento urbanístico vixente xa que non cumpre o PERI en vigor e, ademais, incrementa o agravio que xa se puxo de manifesto na sentenza xudicial que obriga á reposición da legalidade”.

Segundo reflectía o informe elaborado polo Servizo de Arquitectura, “á vista dos estudos realizados, as torres, no seu estado actual, presentan unha serie de diferenzas que evidencian unha falta de adecuación sobre o proxecto que obtivo a autorización, destacando, especialmente o importante incremento en altura dos dous volumes edificados xa que, entre outros aspectos, as plantas altas superan, cada unha, en 10 cm o recollido no devandito proxecto”, referiu Santos Ramos, ao tempo que relatou que tampouco as tres plantas do soto, o semisoto ou a cuberta cumpren o PERI aprobado por, neste último caso e entre outros motivos, sobrepasar o concepto denominado sólido – capaz (o volume limitado pola rasante de aplicación, os planos da fachada e de cuberta) que fan que, entre outras anomalías, aumente a superficie das tres terrazas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com