O Partido Popular renóvase de cara as Xerais

A alcaldesa de Triacastela Olga Iglesias Fontal e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa Alvariño, non repetirán nas listas do Partido Popular por Lugo para a próxima lexislatura a congreso e senado respectivamente.  Iglesias declarou que “é unha decisión que levo meses meditando, é estritamente persoal e comuniqueilla persoalmente ao noso presidente provincial, ao que agradezo todo o seu apoio e confianza. A intensidade do traballo nestes últimos anos, continuou, e o desexo de dedicarlle máis tempo a miña familia leváronme a tomar esta decisión”.

Igrexas Fontal continuará co seu traballo á fronte do consistorio de Triacastela, unha alcaldía á que accedeu por primeira vez en maio de 2011 e que revalidou nestas últimas eleccións municipais. “A partir de agora dedicareime, en exclusiva, á política local e a cumprir co mandato que me encomendaron os veciños”, sinalou a rexedora de Triacastela.

“É importante ter vida antes e despois da política, a partir de agora compaxinarei o meu traballo á fronte da alcaldía, da que non percibirei ningunha remuneración económica, coa miña actividade profesional como inspectora veterinaria da Xunta de Galicia; isto permitirame estar en contacto diario e directo con todos os veciños e coñecer de primeira man os seus problemas”, explicou Fontal.

Armando Castosa afirmou que “síntome orgulloso do meu papel nas dúas lexislaturas pero especialmente nesta última na que tivemos a responsabilidade de apoiar desde o Senado as reformas emprendidas por Mariano Rajoy que nos permitiron volver á senda do crecemento”.

“A miña paixón foi e é a política local e agora quero centrarme nela en exclusiva, quero dedicar todos os esforzos a dar resposta aos problemas dos meus veciños, que levan tantos anos depositando a súa confianza en min”, afirmou o rexedor de Cospeito. Armando Castosa Alvariño foi elixido alcalde por primeira vez no ano 1991 e revalidou o seu cargo nas últimas eleccións municipais celebradas este mes de maio. “A miña familia tamén tivo moito que ver nesta decisión, creo que chegou o momento de poder dedicarlles tamén a eles máis tempo”, sinalou Castosa.

Pola súa banda José Manuel Barreiro, presidente do PP en Lugo, afirmou que Iglesias Fontal  como Costoya Alvariño, demostraron durante estes anos que son uns traballadores incansables e serios e agradeceu a súa dedicación e o seu papel como representantes da provincia. Barreiro asegurou que está convencido de que Olga e Armando seguirán apoiando o proxecto político de Mariano Rajoy.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo