16 Concellos da provincia recibiran axudas para corrixir impactos paisaxísticos en edificios

A Xunta de Galicia concede axudas por importe global de 240.000 euros a 16 concellos da provincia de Lugo para corrixir impactos paisaxísticos nos equipamentos e edificios municipais.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe xunto co alcalde de Cospeito, Armando Castosa, un lavadoiro do municipio construído en formigón no que se acometerán obras de embelecemento ao abeiro deste programa.

Arias explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as solicitudes de 2022 das entidades locais da liña de apoios destinada a instaurar o fermosismo, para avanzar na loita contra o feísmo nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Esta orde de axudas —convocada en xaneiro por 600.000 euros e que ampliou o crédito ata os 800.000 euros— recolle dúas liñas de actuación. A primeira subvenciona obras para emendar o impacto negativo que causan sobre a contorna edificacións nas que se prestan servizos municipais, e acolléronse a ela os concellos de Baralla, Cervo, O Corgo, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Trabada, que reformarán depósitos de auga, polideportivos, antigas escolas ou dotacións culturais, entre outras instalacións.

A segunda liña está pensada para mellorar equipamentos públicos propiedade dos concellos, con especial fincapé nos elementos etnográficos como hórreos, fontes ou lavadoiros. Na provincia apoia o citado proxecto de Cospeito e outros en Barreiros, As Nogais, Chantada, Pantón, Portomarín e Sober. Pola súa banda, Begonte obtivo achegas polos dous conceptos, xa que prevé actuar sobre a antiga escola municipal e sobre unha fonte e un lavadoiro.
As achegas poden acadar o 70% do custo estimado, cun máximo de 20.000 euros por cada liña, e as actuacións deben adaptarse aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia ou aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados. Medio Ambiente convocou tamén unha liña dirixida a particulares, que acadou as 2.000 solicitudes e que ten previsto resolver este mesmo mes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com