" />

200 actividades amenizarán os 9 días do San Froilán 2017

Miguel Fernández, o voceiro municipal, prometeu a semana pasada que hoxe se presentaría o programa de festas do San Froilán e así foi. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a edil de Cultura, Carmen Basadre, acompañadas polo Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, presentaron hoxe, oficialmente, os programas das patronais lucenses. Ao acto tamén asistiu o impulsor do Sanfroidance, Álvaro Pardo, o músico Abraham Cupeiro, e representantes da compañía luguesa Achádego Teatro.

Méndez asegurou que o San Froilán é un referente no calendario de todos os lucenses e tamén de todos os galegos, modernizándose ano tras ano e cun programa que, afirmou, “está feito desde a base da ilusión”. Méndez adiantou que a hora de comezo das patronais lucenses será ás 18.00 horas co concerto da Escola de Música Fabrica de Sons que será a primeira dunha ampla lista de 200 actividades que propón o goberno local para celebrar os días grandes do 4 ao 12 de outubro.

“San Froilán fala de nós, e fala ben. Identifícanos dentro dunha tradición histórica e cultural e faino do mellor xeito posible, conxugándoa ao mesmo tempo coa modernidade”, asegurou a rexedora, ao tempo que destacou que se trata “dunha programaciónque reflexa as gañas de agradar e a vontade de recuperar a esencia dunha festa patronal, non só para os 98.134 veciños e veciñas de Lugo, a auténtica razón do San Froilán, senón para as moitas e moitos visitantes, que enchen as rúas de Lugo de ilusión e de esencia lúdica e festiva”.

Nesta liña, a rexedora fixo fincapé na participación na organización destes festexos, dende a propia Comisión de Festas, coas aportacións dos distintos grupos políticos, así como achegas da cidadanía a través das redes sociais ou na propia rúa, “que fan que este sexa un programa enriquecedor”. Os programas das festas están dispoñibles desde hoxe mesmo na Casa do Concello, asemade, poderemos ver todos os horarios na web www.sanfroilan.info.

Haberá actividades de gran tradición, como os fogos artificiais, Os Pelúdez ou desfile de gando, pasarrúas e música en todos os barrios da cidade, verbenas todos os días con orquestras do panorama musical galego e concertos de distintos xéneros musicais. Nesta liña, Méndez deu a coñecer a actuación do galego Iván Ferreiro, que ofrecerá un concerto o sábado 7, ás 21:00 horas, na Praza Horta do Seminario, sumándose aos de Los Secretos, Edgar Bao ou Desakato, entre outros.

O Concello tamén institucionaliza neste 2017 o Día do Camiño Primitivo, que será o 11 de outubro. Como novidade, este ano celebrarse A Ruta dos Dereitos Humanos no Camiño, colocándose dúas placas, unha en Fontiñas e outra no centro museográfico de Porta Miñá, entrada e saída desta ruta de peregrinación ao seu paso pola cidade.

As casetas do polbo abrirán o día 29 de setembro e ata o 1 de novembro, e o recinto feiral, ata o 15 de outubro. O sábado 14 e o domingo 15 é o Día dos Nenos e Nenas, no cal a entrada a todos os carruseis será de 2 euros.

Pola súa banda, o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, cualificou o San Froilán como “a feira das feiras” en Galicia e asegurou que axuda a dinamizar a provincia e a cidade traendo xente e creando un selo de identidade, por eso mesmo, “ano tras ano dende a Deputación queremos investir nestas accións que forman parte da identidade da provincia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo