24 centros da provincia incorporan o libro dixital para o vindeiro curso

Un total de 24 novos centros sostidos con fondos públicos de Lugo incorporarán o libro dixital nas súas aulas por primeira vez o próximo curso 2018/19, polo que o proxecto de educación dixital, E-Dixgal, acada os 49
centros beneficiados en toda a provincia, case un 100% máis que o ano pasado. Todos eles -estudantes de 5º e 6º curso de Primaria e 1º e 2º de ESO- recibirán unha ensinanza completamente dixital.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva –que se pode consultar neste enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/resolucion_edixgal_definitiva.pdf – na que se dan a coñecer os centros E-Dixgal para este novo curso.

En toda Galicia, son 114 os novos centros adheridos ao proxecto, que xa chega a 267 en total (un 70% máis que o curso pasado) e 18.000 alumnos, un 55% máis.

Edudixital 2020
Continúase así co despregamento do libro dixital no ensino galego, enmarcado na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020). Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21.
Cómpre lembrar que os centros que se incorporan este curso poderán beneficiarse desde o inicio das novidades do programa, tales como a incorporación dun novo provedor de contidos, aulaPlaneta, que se sumou a Netex e Edebé. Ademais, estará dispoñible o centro de produción, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos educativos innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato dun novo provedor de contidos en inglés.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com