Cidadáns propón á Xunta construir un centro de día no Pazo de Dona Urraca

O grupo municipal de Cidadáns propuxo esta mañá que a Xunta de Galicia constrúa un centro de día para persoas maiores no Pazo de dona Urraca, situado no barrio da Tinería e que se atopa en ruínas. O edificio é propiedade da Xunta, que non incluiu nos seus Orzamentos do vindeiro ano “nin un só euro” para rehabilitar este edificio. “Desde Cidadáns vemos con preocupación como edificios emblemáticos da nosa cidade como é o Pazo de Dona Urraca ou o Cuartel de San Fernando caen a cachos sen que a Xunta de Galicia dedique a eles nin un só euro dos seus Orzamentos”, criticou a voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao.

Olga Louzao cargou contra o PP e o PSOE porque “falan de recuperar a Tinería pero non fan nada para logralo porque o Pazo de Dona Urraca é un edificio en ruína que é propiedade da Xunta de Galicia no que podería facerse un centro social para persoas maiores”, afirmou a voceira de Ciudadanos, que propuxo ademais que no soar existente na parte dianteira do pazo se cree unha zona infantil para “fomentar a relación entre as persoas maiores e os nenos e nenas e o intercambio xeracional”. Lembrou que esta zona, que forma a Unidade de Intervención 8 do casco histórico, contaba cun proxecto que Feijóo paralizou ao chegar á Xunta de Galicia.

Cidadáns propón tamén trasladar ao futuro centro de maiores do Pazo de Dona Urraca o centro social municipal ubicado agora no Uxío Novoneyra para poder destinar este inmoble na súa totalidade á Escola Municipal de Música, ampliando as instalacións coas que conta na actualidade e que son insuficientes para atender a demanda existente.

Do mesmo xeito, a voceira de Cidadáns criticou por igual ao PP e ao PSOE porque “falan tamén de revitalizar o centro pero prefiren que o Cuartel de San Fernando estea pechado en vez de facer nel un colexio público do que se poidan beneficiar os nenos e nenas e as súas familias”, dixo Olga Louzao, que defendeu que “a mellor maneira de conservar os edificios históricos é darlles usos de carácter social como poden ser un centro de maiores ou un colexio”.

Neste sentido, Olga Louzao denunciou que “Feijóo marxina a Lugo nos Orzamentos de 2018, nos que non aparece nada para San Fernando nin tampouco para rematar o Plan Paradai ou facer infraestruturas como a Ronda Leste” e acusou ao PP de Lugo de “non dicir nada e permitir a marxinación da cidade por parte da Xunta”, algo do que Cidadáns tamén acusa á alcaldesa, “que vai facer pagar aos lugueses 3,6 millóns de euros do equipamento do auditorio a cambio de nada”.

Por iso, Olga Louzao asegura que “o compadreo entre Feijóo e Lara Méndez ten como finalidade taparse as vergoñas mutuamente, pero está a sair moi caro aos veciños e veciñas de Lugo”. Ao mesmo tempo, a voceira de Cidadáns acusa aos 9 concelleiros do PP no Concello de Lugo de “deixar de facer oposición” e de “tibieza” co Goberno municipal. “Critican a Lara Méndez pola mañá e chegan a acordos con ela pola tarde para aprobarlle os asuntos no Pleno”, afirma Olga Louzao.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com