28 lucenses de colectivos vulnerables traballan en empresas da provincia co Ben Empregado

Vinteoito. Esa é a cifra de lucenses con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social que estaban en situación de desemprego están a traballar hoxe en empresas da provincia a través do Ben Emprego 3, máis social. Trátase dunha das programacións de emprego da Deputación mediante a cal o Goberno Provincial decidiu financiar ao 100% os custos laborais de novos traballadores en establecementos de autónomos e PEMES da provincia sempre que se tratasen de veciños no paro e de colectivos vulnerables.

O Presidente, Darío Campos Conde, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantiveron hoxe un encontro con 3 destes lucenses que retomaron a súa actividade laboral en 2 entidades de Cospeito, así como cos representantes destes negocios. Estiveron acompañados polo Deputado da Terra Chá, Eduardo Vidal Baamonde, así como de membros de COGAMI e FADAS, colectivos que se encargan, neste caso, do Servizo de Intermediación Laboral do Ben Empregado. Este consiste, fundamentalmente, no acompañamento continúo aos traballadores e empresarios para o éxito na relación laboral, poñendo fin a calquera tipo de barreira.

Campos Conde destacou que “coa terceira edición do Ben Empregado ofrecemos por vez primeira financiar na súa totalidade os custos laborais de lucenses desempregados de colectivos vulnerables dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas e máis social, que traballa pola igualdade de oportunidades. Buscamos unha maior complicidade por parte das empresas e atopámola. É unha satisfacción comprobar que somos útiles e capaces de romper calquera tipo de barreira con compromiso e sumando esforzos. Hoxe son 28 os lucenses nesta situación que xa están a traballar e agardamos coa cuarta edición do Ben Empregado atopar emprego a outros 20 veciños desempregados con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral”.

Raquel é veciña de Castro de Rei, ten 27 anos e sofre unha enfermidade dexenerativa. Traballa de comunity manager na casa rural Pazo de Verdes, en Cospeito, xestionando as redes sociais e a páxina web deste establecemento. Francisco, veciño de Lugo con 48 anos, é xordo. Tamén traballa en Pazo de Verdes, realizando as funcións de xardinería, mantemento e carpintería.

Gonzalo é de Cospeito e ten 50 anos. Co Ben Empregado da Deputación atopou emprego e ten un contrato indefinido. Traballa en Saiga Muimenta, unha empresa de Cospeito dedicada ao comercio ao por maior de maquinaria para o sector agroalimentario, á reparación desta maquinaria nos seus talleres e á venda de recambios.

Son un total de 28 os lucenses de colectivos vulnerables que estaban no paro e hoxe están a traballar en empresas da provincia grazas ao Ben Empregado 3 da Deputación: 1 traballa nunha empresa da Mariña, 12 da Terra Chá, 11 da Comarca de Lugo, 1 da Comarca de Sarria, 1 da Montaña e 2 de Lemos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo