30.000 persoas visitaron os museos de Lugo no 2018

Os museos do Concello gañaron no 2018 un 11,5% de persoas visitantes con respecto ao 2016, e un 6% tendo en conta as cifras do ano 2017. En total, visitaron o Centro Arqueolóxico de San Roque, a Casa dos Mosaicos, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e a Sala de Exposicións Porta Miñá preto de 30.000 persoas. Destas visitas, o 86% dos turistas procede do territorio nacional, e o 14% é turismo foráneo, representando un 11% máis con respecto ao 2016.

No relativo ao movemento de visitantes nacionais, destacan as visitas procedentes de Madrid, Castela e León e Asturias, que representan un 25% do total do turismo nacional. Tamén é salientable a visita de persoas de Cataluña, País Vasco, Valencia, Cantabria e Andalucía, así como das illas Baleares e das Canarias.

No que se refire aos visitantes foráneos, polas instalacións municipais pasaron cidadanás de Gran Bretaña, Arxentina, Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Estados Unidos, Brasil e Xapón. Estes últimos países emisores foron os que máis aumento tiveron no 2018, con respecto ao 2016, un 27%, un 38% e un 28%, respectivamente.

Para a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, este importante aumento das visitas “é unha gran noticia para Lugo, pero ao mesmo tempo, un reto que nos obriga a todos os sectores impolicados, dende o Concello á hostelería, asociacións e cidadanía en xeral, a seguir traballando nos activos turísticos de Lugo”. Tendo en conta os meses do ano que maior número de visitas rexistraron, dependendo do museo ou centro expositivo destacan uns ou outros. O Cento Arqueolóxico de San Roque rexistrou o maior movemento en novembro e agosto, o MIHL en marzo e abril e a Casa dos Mosaicos en xuño e agosto, ao igual que Porta Miñá.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo