30 animais abandonados serán atendidos no novo refuxio do Valadouro

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, e a Presidenta da Asociación Protectora de Animais Valadouro-Alfoz (APAVA), Lucía López Tallón, asinaron este mércores o convenio de colaboración entre o Executivo Provincial, o Goberno Municipal e dito colectivo para a construción dun novo refuxio de animais abandonados no Concello do Valadouro. Nestas novas instalacións, a Protectora de Animais atenderá a animais abandonados que procedan dos municipios de Alfoz, Muras, O Valadouro e Lourenzá, así como do resto de municipios da Comarca da Mariña que estean interesados neste servizo e asinen un convenio de colaboración co Concello do Valadouro.

Son 85.000 euros os que o Goberno da Deputación decidiu destinar ao financiamento da totalidade das obras de dotación deste servizo, moi demandado en toda a Mariña, que poderá dar acubillo, mantemento, coidado e atención profesional integral a un total de 30 animais abandonados que así o precisen. Pola súa parte, o Concello do Valadouro comprométese á tramitación con celeridade das licenzas e autorizacións que sexan da súa competencia, así como ampliar este servizo aos municipios da Comarca que queiran adherirse. A Asociación Protectora de Animais Valadouro-Alfoz cede os terreos onde se situarán as novas instalacións do refuxio, en Vilaestremil.

Campos Conde destacou que “con este novo investimento do Goberno da Deputación damos resposta as demandas e necesidades que teñen hoxe en día a maioría dos Concellos da Mariña e que precisan deste servizo comarcal. Quero poñer en valor o grande labor que realizan este tipo de colectivos, como APAVA, na nosa provincia, atendendo, protexendo e coidando aos animais abandonados, e desenvolvendo un traballo de sensibilización e visibilizacion na nosa cidadanía, que é fundamental, para que o número de mascotas sen fogar diminúa.”

Maseda Maseda agradeceu a colaboración do Executivo Provincial e subliñou que “esta nova infraestrutura permitiranos ofrecer un servizo que os veciños do Concello do Valadouro, e doutros municipios limítrofes e pequenos, reclamaban como unha prioridade. Estou seguro que traballaremos da man coa Protectora de Animais Valadouro-Alfoz para poder atender a maioría de cans e gatos que así o necesiten e poder atallar un problema que  vivimos todos os días”.

López Tallón aproveitou a ocasión para lembrar que “é fundamental concienciar á sociedade sobre a tenza e adopción de animais, e que entre todos, consigamos que o abandono animal sexa un recordo do pasado e que no futuro non fagan falta este tipo de refuxios. Dende a nosa asociación levamos 5 anos traballando no benestar dos animais e con estas novas instalacións poderemos ofrecer un servizo moito máis profesional e individualizado”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo