O Pleno debaterá que a Deputación preste o servizo de recadación a custe cero para os municipios

O Grupo Provincial do PP compareceu esta mañá ante a prensa, para lembrar como no pasado Pleno da Deputación conseguiron o voto da maioría para que o Goberno de Darío Campos estudara baixar ao 0% a compensación económica recadada polos concellos en fase voluntaria, polo que a Corporación acordou deixar a proposta do PSOE sobre a mesa á espera de ter un estudo dos custos actualizados que permita levar a cabo a petición dos populares. Esta proposta irá ao Pleno deste mes que terá lugar o vindeiro martes.

Esta medida supón que a Deputación preste o servizo a custe cero para os municipios e estes non teñan que facer entrega do 1% do recadado en fase voluntaria, o que permite que os concellos teñan máis liquidez. En concreto, supón inxectar preto de 600.000 euros para os concellos da provincia. “Pode parecer pouco – explicou a voceira do PP, Elena Candia- pero é máis do que recibían algúns dos concellos gobernados polo PP na época do besteirismo ou na proposta de Orzamentos que Darío Campos presentou no ano 2016”.

“Unha vez máis é o Partido Popular o que consegue melloras substanciais para esta provincia e para a súa veciñanza, como así fixo ao propoñer o Plan Único, o Plan de Estradas ou o Plan de Reequilibrio que puxemos en marcha cando gobernamos”, considerou Candia.

En concreto, a emenda que o PP presentou no pasado Pleno referíase á modificación dos artigos terceiro, décimo, décimo primeiro e décimo segundo das Bases que rexen a aceptación e asunción, por delegación expresa, de competencias en materia de xestión, inspección e recadación en relación a tributos, prezos públicos e outros ingresos de dereito público.

A primeira vez que se elevou esta moción ao Pleno foi cando gobernaba o PP en xullo de 2015 para deixar como inembargable a vivenda habitual e o PSOE fixo unha emenda de substitución e solicitou o que pide agora o PP, unha modificación para que o custo cero fora aplicado a todos os concellos e a Deputación non teña compensación pola xestión destes impostos.

Os populares defenderon xa cando gobernaban que a xestión de tributos municipais por parte da Deputación de Lugo se ofrecese a custo cero. Así, durante o Goberno de Elena Candia os populares realizaron as xestións oportunas e contaban cos informes económicos e xurídicos favorables para garantir a xestión de recadación dos tributos municipais de xeito gratuíto. Os populares recordan que as bases irán ao Pleno o martes por sexta vez. “Pasaron xa tres anos. E así chegamos ao día de hoxe no que conseguir esta proposta supón unha mellora importante para todos os concellos e unha inxección directa para as arcas municipais”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo