Lugar de memoria

Neno da postguerra, capáronme a memoria. Educáronme en castelán cando arredor se vivia en galego. A miña rúa tiña nome de Xeneral, Mola. Os libros de historia acababan no 1936 cando “o caudillo Franco salvara a patria”. Nunca se falaba da Guerra; todo o máis citábanse os “escapados” que foron caendo nos montes un a un. Quérese declarar “Lugar de memoria” o Vello Cárcere, e está ben se aos rapaces de hoxe se lles fala daquela historia onde todos resultamos perdedores.

Houbo en tempos en Ramón Ferreiro unha escultura de Puchades que homenaxeaba aos Caídos dun lado, pero os outros mortos tamén eran nosos. E ese lugar pode ser un lugar de memoria onde se honre a todos os mortos dun conflicto incivil. Poderíase declarar lugar de memoria a zona preto desta onde soaban os fusís anunciando mortes. E moitas cunetas, o mesmo que en Guitiriz hai un monumento aos que traían da Coruña para matalos lonxe da súa raiz.

Lugar de memoria ten que ser calquera lugar onde houbo alguén que sufríu, onde se roubou vidas ou facendas, onde o mestre Arximiro tiña a escola, onde os mortos de Montecubeiro… lugar de memoria tiña que ser todo o país para rehabilitar persoas, clarificar ideas, mentalizar sobre o valor da liberdade; para explicar de verdade a nosa historia. Porque aquí “pasou o que pasou”, como se dicía en tempos cando diso era mellor non falar, e esta explicación agora hai que dala nas escolas e na vida, e non nola poden dar os políticos, senón os historiadores independentes que conten o que aconteceu, e por que… para chegar á conclusión que nunca son bos os extremismos e que a memoria ten que valer para algo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com