Esquerda Unida mantivo unha xuntanza con membros da asociación Asociación de Empresarios Lugo Monumental na que se tratou, principalmente, o futuro da actual Estación de Autobuses e da súa contorna. O presidente da asociación, Luis Latorre, explicou a representantes de EU o proxecto que recentemente presentaron en público na propia estación.
Dende EU destacan a sintonía, nos aspectos fundamentais, entre o seu programa e a proposta de Lugo Monumental e outros colectivos para manter o edificio e realizar unha ampla reforma da construción e a súa contorna. Nese sentido, tanto a asociación como EU entenden que “as decisións definitivas sobre os futuros usos do edificio deberán ser o resultado dun amplo proceso de participación cidadá impulsado polo Concello de Lugo”.
Para EU, “a colaboración entre institucións debe dar lugar a un proxecto urbano que permita conservar o actual edificio, procedendo á súa reforma, á xeración dun espazo verde entre as dársenas e a rúa Cidade de Vigo, e a creación dun Intercambiador para manter o transporte de viaxeiros ao centro da cidade, tendo en conta que o groso do transporte vai ser absorvido pola nova Estación Intermodal”.
En EU propoñen “a creación dun Intercambiador intermodal de transporte que asuma o transporte de autobuses comarcais rurais (que conectan os núcleos coa capital), o de visitantes (excursións, etc.), o municipal urbano, o municipal rural e unha parada de taxis. Tamén incluiría un aparcadoiro cuberto para bicicletas e motocicletas”.
A proposta de EU inclúe a utilización do edificio da actual estación de autobuses principalmente para fins culturais, dispoñendo de lugares de ensaio para músicos e outras artes escénicas, obradoiros para artistas e artesáns, salas de exposicións e salas para actos diversos, que hoxe teñen unha gran demanda. O obxectivo de EU é trazar o eixo artístico das artes musicais, plásticas e escénicas desde o centro cultural do Vello Cárcere ata a rúa Ramón Montenegro, a través da Mosqueira e Mártires de Carral.