Nunca me preocupou o futbol nin os deportes en xeral, pero tiña a idea de que os devotos dun equipo de fútbol se guiaban por principios de amor ás cores, do respecto á canteira… de xeito que o sentimento colectivo da poboación disfrutaba ou se compunxía en razón directamente proporcional á posición do equipo na tabla.
Sei que as cousas cambiaron, que encher un campo modesto é difícil, que os climas frescos coma o noso non animan a acudir aos estadios no inverno, e que ninguén loita por ser directivo dun clube modesto; que moitas veces é unha cruz máis ca unha festa.
Que os clubes dun certo nivel se tivesen que transforman en sociedades anónimas é síntoma de dificultade na xestión, na necesidade de planificar futuros, e facer que cada equipo funcione coma unha empresa, buscándose a vida e o futuro.
O seguinte paso chega cando un equipo de futbol é comprado por unha sociedade mercantil, por unha empresa ou por un estado; e o Lugo é dunha empresa sudamericana, o Atlético de Madrid dun fondo de inversións… porque as empresas buscan onde investir, e o futbol é unha empresa como outra calquera, que busca rendibilidade.
E entón, pregúntolle ao meu neto maior, onde queda a afección, sentir as cores, o vibrar diante dunha situación problemática, ou gozar dunha longa situación de calma garantizada polos resultados… E a resòsta é a máis natural do mundo: Se tés forza económica, di o meu informante, o equipo refórzase, a economía vai ben, estás situado na tabla… Todos satisfeitos.
Que máis che da quen é o propietario do equipo? O que vale son os resultados. A fin de contas, a economía. O demais, non ten importancia. E punto.

