A concellería de Xuventude abriu hoxe o prazo de inscrición para as case 170 prazas postas a disposición da mocidade lucense para participar de balde na nova escape room, organizada desde esta área municipal. Baixo o nome ‘En busca da campá máxica’, esta actividade terá lugar os días 27,28, 29 e 30, en horarios de 10.30 a 13.30 pola mañá, e entre as 16.30 e as 20.30 horas, pola tarde. Así, en cada unha das xornadas reservadas para esta actividade haberá sete sesións dunha hora, cun máximo de 6 participantes por cada un dos grupos.
A escape room desenvolverase nas distintas salas e dependencias que ocupan toda unha planta da Casa da Xuventude, un espazo suficiente como para acoller as 25 probas deste gran xogo colectivo. Haberá distintas fases nas que os participantes deberán ir resolvendo enigmas empregando o sistema arduino, superar probas con sensores táctiles e metálicos, busca de obxectos ocultos, desafíos manuais, descifrado de códigos e claves, combinacións numéricas, resolución de xeroglíficos, e encriptados de palabras, entre outras. Ademais, a escape room contará con elementos novos como unha barca con trampilla, un faro, máquina de fume e a participación do Grinch, un personaxe que se incorpora nesta edición á iniciativa organizada desde Xuventude.
As inscricións, totalmente de balde e abertas ata completar as prazas, pódense realizar desde hoxe e ata a xornada previa ao inicio da primeira escape room a través da web www.formulario.xuventudelugo.gal.






