Poucas veces alcanza tanta notoriedade un membro da Corporación municipal de Lugo como agora ocorre con María Reigosa, incorporada xa avanzada a lexislatura por parte do P.S.O.E. O protagonismo dos concelleiros queda diluído no papel dos grupos municipais, como o dos aspirantes nas listas que concorren ás eleccións, xa que a selección previa e a orde de colocación sitúan aos participantes nun papel secundario en relación co grupo e quen o encabeza.
Outra cousa sería se os votantes puidésemos escoller nomes de entre os que nos ofrecen, porque poderían obterse resultados moi democráticos, pero de mais difícil coordinación e control, porque o saberse elixidos directamente polo electorado proporcionaríalles autoridade moral e outro papel social.
É raro que nun grupo político xurda un verso libre, aínda que só sexa pola predición guerrista de que “o que se mova non sae da foto”, sendo María excelente excepción da regra por saír en ben fotos, precisamente por saírse da fila.
A “excepción María Reigosa” engádelle vida a este concello no que se conta que os votos socialistas máis os nacionalistas dan un máis ca os populares, porque a matemática supera á política. Pero con María é diferente, subliñando o valor dun voto onde todo parece resolto previamente.
Os concelleiros, e o sistema, teñen que agradecerllo á concelleira que non pretende saír na foto do futuro, pero dálle valor á realidade presente. O Voto da concelleira agoira que non vai ter moito percorrido político, pero mentras estea en activo é o máis libre e valioso – por razoado, aínda que non tivese razón – dos que deciden o futuro da cidade que habitamos.
Xulio Xiz.


