Iago Santalla, de Vilaxuste-Portomarin, compareceu recentemente nunha comisión do Senado para falar de diversidade funcional.
Para os que o coñecemos e queremos, foi emocionante ver a Iago, de corpo mancado e espíritu vibrante, expoñer aos senadores, coa súa voz quebrada pero coa seguridade que da a razón, a realidade da súa aldea, na que o apelido non é o máis importante, senón a casa de onde un procede; a unidade familiar que o é todo no noso rural, e na que Iago certificou que sempre estivo plenamente incluìdo.
Para quen del no saiba, digo que Iago, feble de corpo, de intelixencia privilexiada, é doutor en Humanidades e practica con plena consciencia e potencia a sua teorìa do “ilímite”, que proclama que toda persoa non ten máis límite ca o que el mesmo se plantea, e el non ten máis limites ca os físicos que lle marca a silla de rodas desde a que goberna a súa vida, e desde a que co exemplo alenta a moitos que nos proclamamos devotos do seu estar e ser.
Que fermosura escoitarlle contar aos senadores como a súa familia o fixo ser normal desde o primeiro momento da vida; de como o seu avó Antonio lle construiu un artiluxio para naturalizar o feito de xogar ao tute.
Falou de que no noso rural non hai servizos porque non hai xente; e non hai xente porque non hai servizos; de que facer máis habitable o rural xenera máis igualdade; que para ter un rural vivo hai que investir nel aínda que sexa deficitario. Os senadores, alucinados, só puideron aplaudir.
E os que o vimos en diferido, emocionados polo ilimite do amigo, rendímonos á súa superación, o seu exemplo e as súas altas capacidades para sentir, comunicar e convencer.
Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales coma reconocerte cando volves á nosa web ou axudar ó noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e útiles.


