Cada cambio de estación, Xulián Parga saudábao e saudábanos aos amigos con música. Lembro que ao comezo eran anacos das “Estacións“ de Vivaldi, para logo continuar con todo tipo de músicas, sempre escollidas, expresivas, significativas… Podía un non ser consciente do cambio estacional, pero Xulián estaba sempre aí, para deixar constancia de que o mellor xeito de sinalar o implacable paso do tempo era mergullarse no mundo da música, onde el vivíu sempre.
A devoción pola música levouno a dedicarse en alma e corpo á Sociedade Filarmónica; a amizade con Benxamín Casal, a formar parte do goberno do Círculo das Artes, e o vencello familiar con Ramón Piñeiro (era tío da súa dona, Chicha López Piñeiro) creoulle un vínculo moi especial co galeguismo, con Galaxia, e con todo o que se referise á cultura e a sociedade deste país.
Discípulo de don Antonio Fraguas nos seus gloriosos anos lucenses, e gran amigo sempre, foi alma mater da homenaxe que os antigos alumnos do histórico profesor lle rendemos en Lugo hai catro décadas, cando se lle deu o nome de Fraguas á rúa que de Santo Domingo vai ata a Praza da Soedade. E de novo fixo constar esa moi especial relación cando participou activamente na homenaxe que en Lugo se rendíu ao entrañable profesor ao dedicárselle o Día das Letras Galegas.
Hai unhas semanas faleille dunha homenaxe pendente. A súa situación física non lle permitía afrontalo, e encomendoulle o tema ao seu fillo Grial. Neso estamos.
Era un home de devocións e de amizade. Especialmente por Lugo. Lugo, sempre. E polo país, pola terra, pola cultura e polas xentes. Especial como amigo. Ser o seu amigo foi unha honra.



