Esta semana, o local de Esquerda Unida de Lugo acolleu unha xuntanza entre representantes políticos de Esquerda Unida e membros do Sindicato Labrego Galego co obxectivo de analizar a situación actual do sector primario e buscar propostas que garantan a súa viabilidade. No encontro participaron, gandeiros e representantes do sindicato, así como dirixentes de E.U que trasladaron de primeira man as dificultades ás que se enfrontan os pequenos produtores.
O declive dos mercados locais
Un dos síntomas máis evidentes da crise é a perda de peso dos mercados locais nas últimas décadas. Segundo se expuxo na reunión, a desaparición progresiva destes espazos limita a capacidade de venda directa e reduce as marxes de beneficio para os produtores, ao tempo que aumenta a dependencia de intermediarios. Para revertelo, propúxose crear centros de transformación que permitan comercializar produtos con rexistro sanitario, ademais de matadoiros comarcais e cámaras frigoríficas comunitarias que prolonguen a conservación do produto autóctono.
Un problema global
A problemática non é exclusiva de Galicia. Citouse como exemplo o caso do mel en Arxentina, un dos maiores produtores mundiais, onde gran parte da produción se exporta, dificultando o consumo local e elevando os prezos internos. Este tipo de dinámicas globais, sinalaron, benefician principalmente aos intermediarios e ás grandes cadeas comerciais.
Neste contexto, denunciouse que a Unión Europea estaría a renunciar progresivamente á súa soberanía alimentaria. Os representantes sindicais criticaron que as mesas de negociación coas empresas teñen carácter meramente orientativo e carecen de forza vinculante real.
Tratados comerciais e impacto no agro
Os participantes tamén analizaron acordos internacionais como o de Mercosur ou o asinado con Canadá, considerados exemplos dun modelo comercial que pode poñer en risco a produción local. Segundo indicaron, mentres certos sectores políticos tentan capitalizar o descontento social, outros procuran diluír as protestas sen abordar o problema de fondo.
A PAC e as súas contradicións
A Política Agraria Común foi definida como unha ferramenta ambivalente: sobre o papel debería protexer aos agricultores activos e vincular as axudas á actividade real, pero na práctica moitas subvencións seguen favorecendo grandes propietarios. Destacouse unha particularidade de Galicia: é a única comunidade onde hai máis persoas traballando no campo ca beneficiarias destas axudas, o que evidencia a súa insuficiente cobertura.
O desafío do relevo xeracional
Outro dos temas centrais foi o abandono do rural. A nivel europeo, por cada dez persoas que deixan o sector agrario só dúas se incorporan. Este fenómeno non é só económico, senón tamén social, xa que persiste unha percepción negativa da figura do labrego. Para reverter esta tendencia, considerouse imprescindible unha maior implicación institucional que fomente a formación, garanta ingresos dignos e promova a soberanía alimentaria.
Os asistentes concluíron que a supervivencia do agro pasa por políticas públicas decididas que valoricen o modelo tradicional galego de pequena produción, defendéndoo como unha alternativa sostible e socialmente necesaria fronte ás dinámicas do mercado global.





