A Policía Local detivo na mañá do venres 24 a un home acusado dun presunto intento de agresión con arma branca no interior dunha vivenda situada na rúa Mar Cantábrico. Os feitos mobilizaron varios indicativos de Policía de Barrio tras unha chamada recibida na Sala do 092.
Segundo informou a policía, ao chegar ao lugar os axentes foron recibidos polo requirente, quen manifestou a súa intención de denunciar ao presunto agresor, que permanecía no interior do portal do inmoble. O denunciante explicou que se atopaba coa súa parella —exparella do atacante— e coa filla menor desta cando o home accedeu á vivenda e supostamente intentou agredilo cun coitelo.
De acordo co relato facilitado aos axentes, o requirente levaba a menor en brazos no momento do incidente, o que motivou a súa fuxida cara á vía pública, onde permaneceu á espera da chegada policial.
Á chegada dos efectivos, o sospeitoso atopábase no interior do portal empuñando dous coitelos. Os axentes conseguiron acceder ao edificio grazas á colaboración dun veciño e iniciaron unha negociación que se prolongou durante varios minutos.
Durante a intervención, o home negouse inicialmente a entregar as armas e chegou a proferir frases como: “non vou soltar os coitelos, terédesme que disparar”, segundo fontes policiais.
Finalmente, o presunto agresor depuxo a súa actitude e entregou os coitelos aos axentes, que procederon á súa detención. Posteriormente foi trasladado a dependencias policiais para a instrución das dilixencias correspondentes.






