O cinema de autor europeo volve ter protagonismo na carteleira de Codex Cinema a partir deste venres coa estrea de dúas novas longametraxes: A illa de Amrum, do recoñecido director alemán Fatih Akin, e Non morrerei de amor, da cineasta española Marta Matute. Ambas as propostas abordan, desde perspectivas moi diferentes, o tránsito á vida adulta en contextos marcados pola adversidade.
Por unha banda, A illa de Amrum sitúanos na primavera de 1945, nos últimos días da Segunda Guerra Mundial. A historia segue a Nanning, un neno de doce anos que loita por sacar adiante á súa familia nun entorno duro e cambiante. Entre a caza de focas, a pesca nocturna e o traballo nos campos dunha granxa veciña, o rapaz medra a marchas forzadas. A ausencia do pai e a chegada dunha paz chea de incertezas obrígano a redefinir o seu lugar no mundo, nun relato que combina dureza histórica e sensibilidade emocional.
Na outra estrea, Non morrerei de amor, Marta Matute presenta un drama contemporáneo centrado en Claudia, unha moza de dezaoito anos que se ve atrapada entre as obrigas familiares e o desexo de vivir plenamente a súa xuventude. A enfermidade da súa nai altera o equilibrio do fogar e empúxaa a asumir responsabilidades para as que non estaba preparada. Nun momento vital decisivo, Claudia terá que atopar o xeito de amar e coidar sen perder a súa propia identidade. Este filme obtivo os premios Mellor película-Biznaga de Ouro, Mellor actriz (Julia Mascort) e Mellor actor de reparto (Tomás del Estal) no Festival de Málaga 2026.
Con estas dúas estreas, Codex Cinema aposta por historias íntimas e reflexivas que exploran os dilemas da adolescencia e a madurez en contextos tan distintos como a posguerra europea e a realidade actual.
Asemade o domingo 10 de maio, ás 20:00h, contaremos coa presenza do director do filme galego “Así chegou a noite”, Ángel Santos, que presentará o seu filme e ao remate da proxección haberá un breve coloquio.






