A familia e os amigos despedimos a Milagros do Veral. Dito así, O Veral parece unha referencia xeográfica, pero é moito máis, e quero reivindicar aquí o papel de Milagros nese Veral que todos coñecemos de xeito especial polo Centro piscícola que foi e é un corazón na xeografía medioambiental da provincia de Lugo.
Milagros naceu no Veral, e a reseña que o pasado xaneiro fixo o Progreso do seu cumpreanos, dicia que fora costureira e ama de casa. Pero os que tivemos relación con ela sabiamos que foi moito máis.
Casou moi nova con Alfredo do Veral e desde ese momento dedicouse á casa, á familia, e ao Veral. Porque Alfredo era imaxe, a lenda, o especialista imprescindible para acompañar aos pescadores de sona, o responsable da piscifactoría, e da presencia social e física do Veral no mundo. E detrás, estaba Milagros.
Dedicouse á familia: a Alfredo, en primeiro lugar. Á primeira xeneración: Emma, Alfredo e, con el, Chelo. E a familia medrou e viñeron netos: Noemi, e con ela Toni; e Alfredo e Alejandro… e por fin dúas bisnetas: Laura e Sabela.
Alfredo puido ser quen foi, lexendario en vida, porque detrás estaba Milagros, silenciosa, eficiente, segura.
Era unha muller forte nun mundo no que se precisa fortaleza para sobrevivir. Ela conseguiuno ser de xeito tan notable que a casa, a institución representada por Alfredo era perfecta, porque ela estaba alí. Sempre estaba alí.
Os seus 102 anos, envexable cifra que todos anceiamos, só é unha referencia. A fortaleza non só era física.
A min deixoume abraiado cando souben que, xa maior, morto Alfredo, seguía a vivir sóa no Veral, con total tranquilidade e colleu o costume, cando os cans ladraban máis do normal, por se había arredor alguén extraño, de saír a unha fiestra e pegar un par de tiros de escopeta ao aire para demostrar que a casa estaba habitaba e había alguén que a defendía.
Hoxe estamos aquí os membros da súa familia, os amigos, os cantores do Orfeón Lucense do que Emma formou parte moitos anos, para despedir a Milagros, longa e fructífera vida, que nos últimos oito anos fixo innumerables amigos na Residencia de O Incio, á que a familia quere agradecer todo o agarimo que a rodeou neste tempo, do mesmo xeito que agradece a todos os presentes a compañía nesta despedida, “Ata sempre, Milagros do Veral”, que lle damos á amiga que representou ao Veral, encarnou o Veral. moito máis do que ela puido pensar nunca. (Palabras no funeral no Tanatorio Alvia, de As Arieiras, o 7 de xullo de 2026 )



