A deputada de Cultura anunciou este 22 de setembro, que a a Deputación de Lugo achegará 30.000 euros á próxima edición do Lugo Cultural. A cantidade supón 10.000 euros máis que nas últimas anualidades.
O anuncio produciuse durante a presentación do Outono Cultural, organizado pola área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Deputación e do Concello de Lugo. A vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, expuxo unha programación para os vindeiros catro meses que inclúe concertos, proxeccións, exposicións, certames, debates e obradoiros.
Segundo explicou a USC, o programa contará coa participación de artistas e investigadoras lucenses e dedicará un espazo específico á memoria democrática. A programación completa está dispoñible na web da área de Cultura da universidade.






