A décima edición de «Cultura e Tradición no Camiño» leva artesanía, música e tradición galega ao centro de Lugo

A décima edición de «Cultura e Tradición no Camiño» comeza este domingo 4 de outubro cun programa que se desenvolverá ata o día 11 e que combinará obradoiros de artesanía e oficios tradicionais, actuacións musicais e exposicións relacionadas coa cultura galega.

As actividades terán lugar no Espazo RelembrA e na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia e Centro de Interpretación do Camiño, situados na rúa do Miño, nos números 12 e 14. Os obradoiros programaranse entre as 11.00 e as 14.00 horas e entre as 17.00 e as 19.00 horas, mentres que as actuacións musicais están previstas cada día ás 19.00 horas. A participación será gratuíta, aínda que algúns dos obradoiros requiren inscrición previa a través do correo traxandaina@gmail.com.

Oficios tradicionais como eixo da programación

A actividade comezará este domingo con dous obradoiros de cestería —de colmo e de vimbio— e cunha demostración de elaboración de velas artesás. Entre as persoas encargadas destas primeiras actividades figuran Álvaro M. Leiro, recoñecido co Premio Nacional de Artesanía, Beatriz Valín e Alberto Uria.

A programación continuará ao longo da semana con novas propostas vinculadas aos oficios tradicionais. A cestería terá continuidade o luns 5, mentres que o martes se incorporará o bordado tradicional de agremán. O mércores será a quenda da tinguiduría tradicional, que se sumará aos traballos de bordado.

A partir do xoves 8 comezarán os obradoiros colectivos de ourivaría e iniciación ao tapiz, que continuarán os días seguintes. A oferta completarase con actividades de tapiz artístico, fiado á man e escarpiños de agulla, estas últimas a cargo da Asociación Bolboreta Fiandeira.

Música e repertorio tradicional

O programa musical abrirase este domingo na igrexa de San Pedro coa actuación de Miro Casabella Ensamble, ás 19.00 horas. A formación presentará unha proposta centrada nas cantigas de Alfonso X o Sabio.

A programación continuará o luns co Grupo de Zanfonas da TradiEscola; o martes, con Xisco Feijóo e o espectáculo «A voz do esforzo: Cantares do traballo na tradición galega»; e o mércores, con «Cantos de cego».

O xoves será a quenda de As Cegas de Ouselle, coa proposta «As Cegas da Montaña». O venres actuará Caruncho, tamén cun repertorio de cantos de cego, e o sábado pechará o programa musical Suso Vaamonde, coa mesma temática.

As xornadas concluirán o domingo 11 de outubro, coincidindo co Día do Camiño Primitivo, cunha actividade de clausura a cargo da Asociación Cultural Camiño Primitivo de Baleira.

Exposicións sobre a cultura tradicional

O Espazo RelembrA acollerá durante estes días dúas exposicións do Grupo Etnográfico Traxandaina: unha dedicada a traballos de tear e outra centrada na vestimenta tradicional.

As mostras poderán visitarse coincidindo co horario das actividades programadas. O acceso ao Espazo RelembrA será gratuíto.

A iniciativa desenvolverase de maneira paralela ás festas do San Froilán e incorpora ao calendario festivo unha programación centrada na divulgación de técnicas artesanais, oficios, música e outras expresións da cultura tradicional galega.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com