Os nacionalistas levan a Bruxelas as demandas dos concellos rurais de Lugo

A delegación, encabezada pola alcaldesa de Samos, Chus López, trasladou a Ana Miranda as preocupacións dos municipios lucenses sobre o despoboamento, os servizos públicos e o financiamento europeo.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) trasladou ao Parlamento Europeo as principais demandas dos concellos rurais da provincia de Lugo, nunha visita a Bruxelas encabezada pola alcaldesa de Samos, Chus López. A delegación foi recibida pola eurodeputada galega Ana Miranda, nun encontro centrado no impacto das políticas comunitarias sobre o territorio e as necesidades dos pequenos municipios.

A visita enmárcase nas xornadas Agricultura e Políticas de Cohesión Territorial: Dereito a Ficar na Terra, Vivenda, Transporte e Servizos Públicos, dedicadas ás políticas europeas de agricultura, cohesión e desenvolvemento rural.

Ademais de Chus López, participaron na delegación a concelleira, Elvira Lombao, de Outeiro de Rei; Martín Gómez, de Becerreá; Ada Blanco, de Friol, e Tino Díaz, de Baleira e iria Castro de Castroverde.

Despoboamento e financiamento europeo

Durante o encontro, os representantes municipais puxeron o foco nos efectos do despoboamento e do envellecemento da poboación nos concellos rurais, así como na necesidade de que as políticas europeas teñan en conta as particularidades destes territorios.

A alcaldesa de Samos destacou a importancia das decisións adoptadas nas institucións comunitarias para o futuro do rural galego. «En Bruxelas é onde se deciden moitas cuestións que afectan ao noso territorio: a maioría dos fondos destinados ao desenvolvemento rural, á fixación de poboación e ás infraestruturas veñen de Europa», sinalou.

López referiuse tamén á Política Agraria Común (PAC), ás negociacións comerciais e aos recursos destinados ao desenvolvemento dos municipios como ámbitos nos que as decisións europeas teñen consecuencias directas para Galicia.

O BNG reclama que as institucións comunitarias incorporen medidas específicas para responder aos retos demográficos e garantir o acceso da veciñanza rural a servizos públicos, vivenda e transporte, ademais de favorecer oportunidades económicas que contribúan a manter a poboación.

Reunións sobre o futuro da PAC

A axenda da delegación galega inclúe tamén encontros de traballo co director xeral da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Ricard Ramon. O obxectivo é trasladar as demandas do sector agrogandeiro galego no marco das negociacións sobre a PAC e o futuro orzamento comunitario.

A visita pretende situar as necesidades dos concellos rurais de Lugo no debate europeo sobre a distribución dos fondos e as prioridades das políticas de cohesión territorial.

«Viñemos dar voz aos problemas reais da veciñanza, buscar financiamento para mellorar a calidade de vida dos nosos concellos e garantir que as institucións europeas axuden a fixar poboación e ofrecer un futuro digno no rural», concluíu Chus López.

A iniciativa do BNG busca así reforzar a interlocución dos municipios lucenses coas institucións europeas nun momento no que o financiamento comunitario, a política agraria e as medidas contra o despoboamento son cuestións relevantes para o futuro do rural galego.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com