O cemiterio de San Froilán recupera a memoria dos personaxes máis peculiares de Lugo cunha visita teatralizada

O cemiterio municipal de San Froilán acollerá o domingo 15 de novembro unha nova visita teatralizada para descubrir algunhas das figuras máis singulares da historia popular lucense. A actividade, titulada «Persoeiros peculiares que deixaron pegada na historia lucense», estará a cargo do grupo de teatro Achádego e comezará ás 17.30 horas.

A proposta permitirá coñecer, a través do teatro e do humor, as historias de personaxes como Madalena da Ponte, unha muller libre e afeccionada ao viño; Caín o da Lotaría, popular vendedor de lotería; Mercedes a Petateira, considerada posiblemente unha das últimas maleteiras de Galicia; e Currinche, que se presentaba como mestre de esgrima e destacaba pola súa habilidade para conseguir cartos.

A iniciativa combina historia, interpretación e memoria colectiva para achegar ao público figuras que, polas súas particularidades e formas de vida, se afastaban das normas sociais da súa época, pero que deixaron anécdotas e lembranzas na cidade.

A visita será gratuíta e contará cun máximo de 50 prazas. A actividade enmárcase na programación cultural do cemiterio de San Froilán, que esta fin de semana acolleu a representación de «Don Juan», a cargo do grupo Palimoco, cunha notable afluencia de público.

As visitas teatralizadas buscan ofrecer unha perspectiva diferente do recinto funerario, converténdoo nun espazo para descubrir a historia e a identidade de Lugo a través da cultura e do teatro.

foto: Representación de «Don Juan», a cargo do grupo Palimoco, celebrada esta fin de semana no cemiterio municipal de San Froilán

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com