A Alcaldesa escoita ao tecido veciñal para trasladarlle a Feijóo as súas reivindicacións

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuniuse este venres con colectivos veciñais do municipio para escoitar as súas necesidades e demandas, e transmitirllas ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, na entrevista que manterán o vindeiro luns en Santiago. “Estas non son só as reivindicacións dun Goberno, senón as de toda a cidade”, subliñou a rexedora, quen agradeceu a todos os representantes veciñais “a présa coa que atenderon a miña chamada, que responde á súa vez á chamada de Núñez Feijóo para ter unha reunión o luns”.

Na xuntanza estiveron o presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, o presidente da Asociación Abre la Muralla, Vicente Quiroga; a presidenta da Asociación de Veciños e Comerciantes da Residencia, Cecilia Vázquez; afectados polo posible peche da gardería do Sagrado Corazón e representantes dos veciños do rural.

Lara Méndez explicoulles que entregará ao Presidente autonómico un expediente coas reivindicacións dos cidadáns de Lugo, “que non queremos seguir sendo de segunda. Non desexamos que haxa diferenzas, nin entre os veciños do municipio, nin con respecto aos do resto de Galicia”, destacou.

En dito expediente, ao que o Concello incorporará agora as propostas que realizaron á Alcaldesa os colectivos durante a reunión de traballo desta mañá, figuran 14 iniciativas e proxectos, moitas delas pendentes dende hai anos, que deben “marcar a folla de ruta da Xunta en Lugo”. Trátase das seguintes cuestións: a dotación ao HULA da Hemodinámica 24 horas, Medicina Nuclear e Radioterapia; a implantación de servizos no barrio da Residencia; a creación de prazas públicas de residencias e centros de día para a terceira idade; prazas públicas de gardería: o mantemento da escola infantil do Sagrado Corazón; ampliación do saneamento na zona rural; a rehabilitación do Museo da Romanización e a súa conversión en Museo da Romanización; as obras do novo auditorio; a posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo; a construción da Ronda Leste; a Alta Velocidade e a estación intermodal; a execución de todas actuacións do Plan Paradai; un plan de rehabilitación de vivendas e os traballos de instalación do ascensor da Muralla.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo