A Asemblea de Lugonovo elixe a lista electoral para as eleccións municipais

A Asemblea de Lugonovo vén de elixir ás persoas que conformarán a lista electoral con que a plataforma cidadá concorrerá ás vindeiras eleccións municipais para representar os intereses da maioría da cidade. As persoas inscritas en Lugonovo avalaron a proposta achegada pola Coordinadora e decidiron, unanimemente, presentar ante a veciñanza luguesa unha proposta plural, transversal e bo expoñente da potencialidade e diversidade luguesa.

“Trátase dunha mostra representativa da veciñanza que someteremos ao escrutinio de toda a cidadanía”, indicou Xosé Choren Vázquez, candidato á alcaldía de Lugo, para quen “esta lista representa o espírito emprendedor, dinámico, social e ambientalmente comprometido e profundamente democratizador co que Lugonovo quere acudir á cita coas urnas en maio”.

Persoas de todas as idades e múltiplos perfís sociais e profesionais que concorren conxuntamente a unhas eleccións “para ofrecer a Lugo un modelo democrático representativo pero tamén participativo” salientou o candidato. “Esta lista plural reflicte a pluralidade da sociedade luguesa e pode exercer como un vínculo entre cidadanía e representantes, entre o Concello e a cidade, que leva catro anos asistindo a un festival de desgoberno e desinterese” engadiu. Trátase de presentar “un equipo completamente distinto respecto aos partidos clásicos, que non só foron incapaces de defender os intereses de Lugo, senón que en moitas ocasións obraron ou permitiron, coa súa omisión, que se visen prexudicadas as aspiracións da nosa xente” denunciou, repasando a relación “servil” do goberno local coa Xunta e co goberno do Estado.

Fronte ao que cualificou como “modelo esgotado”, Chorén puxo como exemplo “esta lista, a mellor encarnación dun proxecto para Lugo sobre tres eixos: o desenvolvemeto económico, a xestión pública transparente e a atención inmediata das moitas emerxencias sociais”.

No primeiro tramo da lista, alén de Xosé Chorén Vázquez, xefe de sección de Correos, atópanse Cristina Pérez Herraiz, portavoz municipal e actualmente encabezando a candidatura de En Marea ao Congreso dos Deputados por Lugo nas eleccións xerais; Paula González Fernández, economista; Carlos Baliñas Pérez, historiador e profesor da USC Campus Lugo; Teresa Burgo García, avogada laboralista en CCOO; Víctor Álvarez Arias, actualmente concelleiro e traballador na Xunta; Camino Casabella, profesora e licenciada en Belas Artes; Jesús Castro López, técnico de deportes da USC; Marta Salgado Castelo, técnica de actividade física e deportiva e estudante de INEF; e Uxío Outeiro, profesor de galego e portugués.

Nos seguintes postos da lista atópanse Xulia Mallo Vieiro, xubilada do Sergas; Marcos Fernández Trigo, portavoz do colectivo LGTBI ALAS de Lugo; Mina Galván González, activista e responsábel de Stop Desafiuzamentos Lugo; Xosé Manuel Saa, empresario propietario da Taberna do Saa; Samira Zahir Zouhai, ama de casa e veciña da Milagrosa; Óscar Pita Corbelle, técnico de mantemento na industria alimentaria; María Jesús Suazo, delegada da CIG no HULA, Xohán Rompe, activista social; María del Carmen Flores Ferreiro, traballadora social do Concello; Jordi Baldoví, funcionario do Estado; Sagrario Fernández Méndez, traballadora social do Sergas no HULA; Manuel Carballés, xubilado de Correos; Alejandra López Yáñez, auxiliar administrativa; Neves Núñez Delgado, empresaria e exconcelleira e Xosé Anxo Laxe Suárez, xubilado e exconcelleiro. “Un luxo de equipo para gobernar esta cidade man a man coa xente” resumiu Xosé Chorén.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com