A asociación Si, hai saída manifesta a súa alarma ante o aumento de casos de violencia de xénero en Lugo

Desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero queremos manifestar a nosa preocupación polo evidente aumento de casos de violencia machista que se está a dar en Lugo, así como da gravidade dos mesmos, algo que constatamos co noso traballo diario, e que vai unido, lamentablemente, desde hai xa bastante tempo, a un deterioro importante na atención e na protección que, desde o momento no que se deciden a denunciar, se lles está a dar as vítimas, o que redunda, en moitas ocasións, en que desistan en continuar adiante co proceso, co evidente risco para as súas vidas, e pode que para as dos seus fillos, que isto implica.

Esta situación tórnase ainda mais perigosa de cara as datas as que nos achegamos, nas que, por mor das vacacións, o persoal da Comisaría, Xulgado, e, en xeral, de todos os eidos aos que as vítimas de violencia machista deben acudir para solicitar axuda queda reducido ao mínimo, agravando así unha situación que xa o resto do ano non é, nin de lonxe, a que sería de desexar.

Por outra banda, lamentamos profundamente o aparente desinterés, malia que desde o noso colectivo son xa moitas as veces que temos dado a voz de alarma sobre esta inadmisible situación, que semella existir por, tan sequera, recabar información sobre ela para tentar chegar a unha solución.

Resulta moi curioso que, nunha cidade na que tanto se está a falar de feminismo, de loita polos dereitos das mulleres, ninguén se tome a molestia, polo menos aparentemente, de interesarse por unha problemática na que se xoga con vidas. Nin partidos políticos, nin Institucións, nin en xeral cantos din traballar en prol dos dereitos da muller, manifestan nin o mais mínimo interés en algo de tal gravidade, malia que sempre, desde Si, hai saída, se lles brindou a nosa colaboración, xa que entendemos que o noso contacto diario, desde hai xa varios anos, con mulleres que están a sufrir violencia de xénero nos capacita para, polo menos, falar con coñecemento de causa sobre a súa problemática e a innegable desprotección a que están expostas.

Demandas como a dun Xulgado exclusivo de violencia de xénero para a nosa cidade están moi ben, e contan, por suposto, con todo o noso apoio, pero debemos ser realistas, e admitir que, malia que esta demanda chegara a materializarse nun futuro, de pouco ou nada serviría se non comezamos a traballar pola base.

Primeiro é imprescindible concienciar a sociedade de que o primeiro e ineludible chanzo para sair da violencia de xénero é denunciar, e, segundo, esixir que cando unha muller acude a facelo, co tremendo esforzo que isto implica para ela, sexa acollida co respecto e a dignidade aos que ten todo o dereito, ademais, por suposto, de que se lle brinde a protección precisa para a súa seguridade e a dos seus fillos no caso de telos. Obviamente, mentras isto non sexa así, nin todos os Xulgados do mundo serán de utilidade nin terán sentido.

Non sirve de nada empeñarse en grandes causas, ignorando, ou, polo menos non prestándolles a atención precisa as que seguramente non resultarán tan atractivas nin acadan, obviamente, tanta repercusión mediática, implicando, ademais, moito traballo, e non sempre co resultado desexado, pero que son, queiramos ou non admitilo, a base para poder chegar a bó fin.

Comezar a construir a casa polo tellado non é a solución, e menos ainda no que atinxe a violencia de xénero. Estamos a falar de vidas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo