Reixtro Civil

A Audiencia pon en marcha a Comisión Provincial de Violencia de Xénero de Lugo

A Audiencia Provincial de Lugo puxo en marcha hoxe, tras unha primeira reunión, a Comisión Provincial de Violencia de Xénero, un organismo que estará dirixido polo presidente do alto órgano xudicial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo, e no que estarán representadas as institucións con competencias neste tipo de delitos, entre as que figuran, ademais da xudicatura, Fiscalía, Concello, Xunta, Delegación do Goberno, Garda Civil, Policía Nacional, Colexios de Avogados e Procuradores de Lugo, Instituto de Medicina Legal de Galicia e asociacións de vítimas, entre outros.

O acto de constitución da comisión celebrado hoxe foi presidido por Miguel Ángel Cadenas Sobreira, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), quen destacou que a violencia sobre a muller é “un fenómeno que hai que atallar entre todos, debido a que se trata dun problema que dana a toda a sociedade e que parece que non somos capaces de reverter”. Cadenas amosou especial preocupación polo impacto deste problema na mocidade.

O presidente da Audiencia Provincial de Lugo explicou que o obxectivo desta comisión é “crear un foro no que se poidan achegar ideas e detectar erros”. Varela Agrelo sinalou que na reunión de hoxe se expuxo a necesidade de mellorar a detección de posibles casos no medio rural.

Esta iniciativa do Consello Xeral do Poder Xudicial, que se está implantando nas Audiencias de todo o Estado, ten como obxectivo analizar os erros detectados na mesa de coordinación e tentar resolvelos. Na comisión estudaranse as cifras sobre a concesión de ordes de afastamento e achegaranse e propoñeranse novidades que axuden a mellorar na loita contra a violencia de xénero. A valoración das situacións de risco para as vítimas e a actuación das unidades de policía xudicial adscrita, así como dos institutos de Medicina Legal, serán outras das prioridades do organismo, no que tamén se abordarán as medidas de asistencia letrada ás mulleres desde dependencias policiais.

No acto celebrado hoxe na Audiencia as institucións designaron as persoas que formarán parte da Comisión Provincial de Violencia de Xénero. A acta do encontro será aprobada pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tras o que se considerará constituída e procederase a convocar a súa primeira reunión de traballo.

Xulgado específico para Lugo

Neste senso, a edil do BNG, Maite Ferreiro, anunciou que o seu grupo lle trasladará unha proposta a esta comisión para procurar a creación en Lugo dun Xulgado Específico contra a Violencia de Xénero. Ferreiro sinalou o interese da creación deste órgano de coordinación por que “entendemos que un órgano destas características pode ter peso suficiente para demandar, para Lugo, un xulgado específico de violencia de xénero”.

“Nesta mesma semana enviaremos unha proposta concreta e un relatorio de todas as xestións que levamos feito ante as diferentes institucións para que, co respaldo de todas as institucións e entidades representadas na Comisión, se faga unha petición conxunta deste servizo necesario para Lugo”, explicou Ferreiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com