A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo vén de condenar a un ano de cárcere a un home que estafou 700 euros a un usuario dunha web de compravenda de artigos.
O tribunal considera probado na sentenza que o procesado ofertou, ben por si mesmo ou posto en común acordo con persoas non identificadas, a venda, por 700 euros, no portal
milanuncios.com, dunha máquina localizadora de cans e catro colares. O denunciante, segundo sinalan os xuíces, contactou co acusado o coa outra persoa non identificada en conivencia con el mesmo para adquirir os produtos. O interlocutor solicitoulle á vítima que ingresase os cartos nunha conta titularidade do condenado, “finxindo a súa disposición e vontade de levar a cabo a entrega”, algo que nunca se produciu, a pesar de recibir o pago. Tanto o anuncio como os cartos da conta foron retirados, segundo a resolución, “de maneira case inmediata”.
“A autoría do acusado advírtese evidente no presente caso, e isto en base a que o teléfono a través do cal se levou a cabo a negociación figura ao seu nome, así como a conta na que se ingresou o diñeiro e se efectuou a retirada de modo inmediato, así como do propio anuncio que xa non figuraba uns días despois colgado na páxina na que se ofertaba”, destaca a Audiencia na sentencia, contra a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Post Views: 0