A candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra someterase ao ditame da Unesco en 2021

A candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel acaba de superar o último trámite para poder someterse o próximo ano ao ditame definitivo da Unesco. Así o anunciou esta mañá en Chantada a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pouco despois de que lle comunicaran que o Comité Español do Programa Home e Biosfera (MaB) acababa de darlle o visto bo por unanimidade ao expediente remitido pola Xunta hai un ano.

Deste xeito, tal e como explicou a responsable galega, a candidatura completa a súa tramitación en España e está lista para ser remitida á Unesco, que deberá pronunciarse en última instancia sobre a declaración definitiva o ano que vén.

Ademais, resaltou que a Ribeira Sacra será o único espazo en todo o país que opte a converterse en reserva da biosfera en 2021, xa que, indicou, o resto das propostas non superaron o ditame do Comité, órgano consultivo responsable de avaliar as candidaturas e deliberar sobre cales merecen seguir a tramitación.

A decisión supón tamén un aval ao traballo liderado pola Xunta nos últimos dous anos para sacar adiante a mellor candidatura posible. Cómpre lembrar que a memoria técnica remitida a finais do ano pasado a Madrid foi froito dun longo e minucioso traballo no que participaron numerosas persoas, colectivos e institucións interesadas en acadar o desenvolvemento sostible dun territorio que alberga unha gran riqueza natural e cultural.

De feito, o resultado foi un documento serio, rigoroso e froito dun gran consenso previo, como demostran os escritos emitidos por 41 entidades públicas para amosar o seu apoio formal á candidatura da Ribeira Sacra. O próximo paso, como lembrou a conselleira, será trasladar o expediente completo á Secretaría Internacional do Programa MaB da Unesco, en París, que deberá pronunciarse en última instancia sobre a solicitude e tomar a decisión definitiva no ano 2021.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com