A Confederación Hidrográfica rectifica as súas esixencias ao Concello de Lugo para a aprobación do PXOM

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, amosou a súa satisfacción trala xuntanza celebrada onte en Ourense, polo Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Álvarez afirmou que é posible unha rápida aprobación definitiva do 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que está pendente de recibir o visto e prace da Xunta de Galicia.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente encabezou a delegación municipal que viaxou a Ourense e que estivo formada por técnicos do Concello e tamén por representantes dos grupos políticos da oposición. Por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a representación estivo encabezada polo seu Presidente, Francisco Marín Muñoz.

Luis Álvarez explicou tralo encontro, que a aprobación definitiva do 5% pendente do PXOM pode ter unha tramitación sinxela, xa que a Confederación correxiu as esixencias que lle esixía ao Concello de Lugo, no informe redactado pola devandita institución a requerimento da Xunta de Galicia.

A Confederación recoñeceu na xuntanza celebrada onte, que a Administración municipal non é competente para facer as delimitacións de cauces fluviais que se lle pediran.  De feito, a Confederación Hidrográfica variou a súas esixencias e xa non lle reclama ao Concello que elabore un estudo hidrolóxico e hidráulico de conca de todo o termo municipal de Lugo, cos correspondentes estudos da zona de inunda-bilidade dos diversos cauces que atravesan o municipio.

Os representantes da Confederación Hidrográfica aseguraron que tan só é necesario que o Concello de Lugo faga unha delimitación de afección dos cauces, así como a inclusión de treitos do río Rato que non están grafiados nos planos da propia Confederación.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com