A corporación di si a delegar na Administración autonómica os procesos selectivos da Policía Local

A Corporación municipal aprobou no Pleno celebrado esta mañá a sinatura dun convenio de colaboración para delegar na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias en materia de convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías do corpo da Policía Local. O Executivo confía en que este instrumento sirva para axilizar o axeitado dimensionamento da plantilla de axentes, sobre todo despois da entrada en vigor, o 2 de xaneiro, do Real Decreto Lei que regula a xubilación anticipada dos policías.

Noutro senso, a Corporación municipal aprobou tamén as dúas propostas que Lugonovo presentaba á sesión plenaria. Por unha banda, a formación solicitaba o apoio de tódolos grupos políticos á folga feminista do 8M, así como a elaboración dunha declaración institucional a favor das reividicacións nas que se sustenta esta folga ademais de pedir que, como acto simbólico, se pendurase da fachada da Casa Consistorial a bandeira feminista. “A igualdade é unha cuestión esencial que nos concirne a todos e por eso cremos que debe rexer tamén a acción política coa fin de alcanzar unha sociedade máis inclusiva e xusta”, referiu Cristina Pérez Herráiz. Neste mesmo senso, tamén se aprobou a iniciativa do BNG para manifestar o apoio da corporación á mobilización feminista do 8 de marzo, impulsada pola plataforma Galegas-8M.

Con ese mesmo obxectivo presente, Lugonovo reclamaba na sesión de hoxe o compromiso do Concello para poñer en marcha varias actuacións que melloren a situación laboral das persoas con diversidade funcional. Entre elas, que os organismos públicos acaten e defendan o cumprimento do marco legal que obriga á reserva dunha cota de postos de traballo para este colectivo, ademais de esixirlle ás empresas que queiran concorrer a contratos públicos, subvencións ou beneficios fiscais, que acrediten que están a acatar esta normativa.

Outras mocións

Unanimidade tamén conseguiu o grupo nacionalistas á súa iniciativa presentada para promover a creación de zonas recreativas identificadas como “espazos abertos de convivencia para cans”. O voceiro nacionalista, Rubén Arroxo explicou que Lugo xa conta con varios caniles na cidade, pero considerounos insuficientes polo que asegurou que a cidade ten que apostar por espazos de convivencia onde os animais poidan gozar de zonas abertas nas que poidan estar libres sen que o seu propietario poida ser sancionado.

Pola súa banda, xornada de pleno agridoce para o PP. Antonio Ameijide e o seu grupo conseguiron o apoio unánime da corporación na proposición destinada a que o Ministerio de Interior dera volta atrás na súa idea de deixar a Lugo sen reforzos no corpo Nacional de Policía. “A burla que o Ministerio do Interior quería perpetrar en Lugo, ao non destinar ningún dos 111 axentes designados para Galicia non pode seguir adiante”, criticaba Ameijide.

Sen embargo, os populares non tiveron o mesmo respaldo do resto de grupos para o apoio á proposta de Lei Orgánica para combater a ocupación ilegal de vivendas, garantir o dereito de propiedade, a seguridade das persoas e bens e a convivencia. Unha moción que obtivo o voto en contra de todos os grupos da corporación por considerarla “electoralista” e depois de resaltar que o goberno municipal non ten competencias nese eido. Pese a todo, os populares si tiveron o apoio de veciños das Gándaras que se concentraron no salón plenario co fin de amosar o seu malestar ante os numerosos casos de ocupación que se dan no seu barrio.

Por último o voceiro popular criticou a “ausencia de explicacións” da rexedora sobre a “permisividade” coa empresa que xestiona as marquesiñas publicitarias e que ten o contrato caduco dende hai 29 meses. Lara Méndez compareceu ante o Pleno, a petición dos populares, durante 20 minutos para dar explicacións públicas sobre este contrato. Ao seu remate, os populares aseguraron que “será nos xulgados onde Lara Méndez teña que dar as explicacións, ao igula que o farán os funcionarios, que irán en calidade de testemuñas” tras varios avisos alertando de irregularidades neste eido.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com