A Croa, 19 anos esperando polos títulos de propiedade das súas casas

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explicou que o  goberno socialista de Lugo leva case 20 anos para entregar ás 15 familias das vivendas da Croa os títulos de propiedade das súas casas. O voceiro popular asegura que “é indignante” que os veciños leven tantos anos agardando a que se resolva un problema que o goberno local pode solventar en tres meses.

Antonio Ameijide lamenta a que pola “inacción” do goberno socialista de Lugo se xere unha situación de indefensión legal aos afectados. Por iso, o popular explicou que, para solucionar o problema, é preciso que o equipo de goberno encargue no Concello un proxecto de parcelación da zona onde se atopan as vivendas da Croa e logo, unha vez aprobado no Concello, inscribir as parcelas no rexistro da propiedade para, posteriormente, entregarlle as escrituras aos lexítimos propietarios das vivendas. “O único que fai falta é vontade política”, afirmou o voceiro popular.

As familias afectadas, ao non dispoñer do título de propiedade dos inmobles, non poden hipotecar ditas vivendas, avalar préstamos, e incluso, atopan moitas dificultades á hora de facer o testamento ante notario. Outra cuestión que lles afecta ten que ver coa alta no servizo de abastecemento de auga o que lles obriga a pagar en dous recibos o consumo “o que supón un sobre custe” porque acumulas os gastos en dous pagos. Ademais, como se acumula a lectura de varios meses cambia o tramo de facturación e, nalgún caso, duplícase o importe por metro cúbico de auga. “Se temos en conta que falamos de familias con escasos recursos, queda patente unha falla de sensibilidade por parte do goberno local”, afirmou Ameijide.

O voceiro popular lembrou como os veciños das quince vivendas unifamiliares, situadas no barrio de Albeiros, levan agardando polas escrituras dende que en febreiro do ano 2000 lles entregaron os inmobles. “Era unha das primeiras encomendas que o alcalde do Partido Popular, Joaquín García Díez, deixou pendente en 1999. Os populares lembran que a construción destas vivendas sociais foi aprobada na Xunta de Goberno Local do 17 de decembro de 1997, cun prazo de execución de nove meses e por un importe total de 103.530.141 pesetas”.

O popular afirma que o caso das vivendas sen escrituras da Croa é outro exemplo máis da “absoluta paralise administrativa” que sofre o Concello. Para o popular é incomprensible que en 5 mandatos os socialistas desprezaran a estes veciños “obviando este asunto”. Por iso, dende o Grupo Popular pídese sensibilidade ao goberno local con estas familias “xa que no seu día se fixeron moitos esforzos para que tiveran unha vivenda digna a través do plan de erradicación do chabolismo”.

Por iso, Antonio Ameijide explicou que pediu a convocatoria dunha xunta de voceiros para abordar este asunto e “esixirlle” á rexedora que desbloquee inmediatamente esta situación para evitar máis problemas aos veciños destas vivendas xa que “a falta destes títulos ten como consecuencia directa unha longa listaxe de anomalías e complicacións administrativas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com