A Deputación abrirá unha oficina de asesoramento para emprendedores

A Deputación de Lugo solicitará a súa adhesión a un convenio co Estado e a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) para crear así un Punto de Atención a Emprendedores. Unha ferramenta que ofrecerá información, asesoramento e axilización de trámites para abrir un negocio. Así o informou esta mañá o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, quen deu conta da aprobación deste punto en Xunta de Goberno.

Grazas a esta oficina, os trámites de alta nunha actividade empresarial serán gratuítos para os emprendedores e emprendedoras, e poderán facerse nun tempo de 48 horas.

Esta iniciativa “encádrase no compromiso da Deputación coa dinamización do tecido empresarial da provincia, co obxectivo de fortalecelo, diversificalo, mellorar a súa competitividade e crear emprego a través do apoio ao emprendemento”, subliñou Pablo Rivera, ademais de destacar que o PAE “complementa o xa amplo abano de servizos que a Deputación está prestando en materia de impulso do emprendemento e de creación de emprego”.

Así, entre outras iniciativas, a institución provincial ten en marcha a Axencia de Colocación, que busca casar oferta e demanda de postos de traballo no menor tempo posible e ofrece ademais servizos de asesoramento a empresas e emprendedores, e orientación laboral.

Os PAE teñen unha dobre misión. Por un lado, prestan servizos presenciais de información e asesoramento aos emprendedores na definición e tramitación telemática das súas iniciativas empresariais, así como durante os primeiros anos de actividade. Por outro, iniciar o trámite administrativo de constitución da sociedade a través do DUE, o Documento Único Electrónico. Este punto será atendido por persoal técnico do servizo provincial de Promoción Económica e Emprego e do Centro de Atención ao Usuario (CAU).

Asemade, e tal e como avanzou onte o presidente do Executivo provincial, a Xunta de Goberno aprobou na súa reunión de hoxe as bases para unha nova convocatoria de Lugo Termal, o programa co que dende hai xa oito anos a institución provincial favorece o benestar social e dinamiza a economía a través do impulso do termalismo ofrecendo descontos aos veciños e veciñas maiores de 55 anos para facilitarlles o acceso a estes establecementos e recibir terapias mineromedicinais durante os
vindeiros meses, ata xuño do 2020.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com