A Deputación asina un convenio de colaboración cunha trintena de colectivos da provincia

A Presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, acompañada pola vicepresidenta e responsable de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Mari Teijeiro, reuniuse esta mañá cunha trintena de colectivos sociais que teñen subscrito un convenio de colaboración coa entidade provincial. O importe total destas subvencións nominativas para o ano 2015 ascende a 291.200 euros.

Tal como explicou Candia, “o acto desta mañá demostra a vontade política do novo goberno provincial por dar a maior axilidade, seguridade e certidume a todas as entidades que estaban á espera de financiamento para levar a cabo os seus proxectos”, ao tempo que anunciou que a vindeira actuación da administración provincial será resolver “coa maior rapidez” as subvencións excepcionais que están pendentes.

Segundo expuxo a presidenta, trátase dunha trintena de axudas económicas enmarcadas nas subvencións nominativas do ano 2015 da Deputación de Lugo coas que se apoian economicamente diferentes proxectos “que teñen un denominador común, que é a inclusión social”, explicou Elena Candia, ao tempo que sinalou que “con esa premisa traballan dende diversas ópticas, todas elas complementarias e orientadas a ese obxectivo común de minimizar os riscos de exclusión”.

Nese senso, a Presidenta da Deputación detallou que se financian diversos proxectos dirixidos a cuestións como o apoio a persoas con necesidades específicas, o apoio á integración laboral de colectivos en risco de exclusión, a eliminación de barreiras ou a atención asistencial.

Así mesmo, Candia quixo agradecer “a constancia e o esforzo que día a día realizan estes colectivos” e destacou que “o seu tesón é algo digno de recoñecemento, e para que isto non quede só en palabras é crucial que as administracións deamos apoio económico e visibilidade a estes proxectos”.

Deste xeito, a presidenta da Deputación de Lugo explicou que “dende esta administración impulsamos o traballo en rede e a colaboración con este tipo de asociacións porque entendemos que é fundamental para mellorar a calidade de vida de colectivos vulnerables”.

Por último, Elena Candia indicou a vontade “inaprazable e incuestionable” da Deputación Provincial de continuar “co maior número de colaboracións posibles” en vindeiras convocatorias, se ben subliñou a súa intención de primar aqueles proxectos que dean cobertura ás necesidades sociais máis urxentes e dos que se beneficien un maior número de persoas.

Asemade aproveitou a reunión de hoxe cos diferentes colectivos para convidalos a participar nunha mesa de traballo conxunto para o deseño de parámetros obxectivos nos que basear a decisión política de conceder estas axudas, incrementando así a transparencia e imparcialidade das mesmas.

Entre as entidades beneficiarias das subvencións nominativas de 2015 atópanse Aliad-Ultreia, Concepción Arenal, Promoción e Integración Xitana, Proxecto Home, AGADHEMO, ADACE, ALCER Lugo,ALUCEM, ALUME, Asociacións de familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias, a ANPA do Colexio Santa María, a Asociación Discapacitados Ponte dos Santos, ASORLU, ASPACE, ASPNAIS, AUXILIA, COGAMI, FADEMGA, FEAFES, Ledicia Cativa, Fundación Meniños, Raiolas, Síndrome Down, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e Special Olympics

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com