A Deputación destaca o potencial turístico do Mazo de Santa Comba

O Goberno da Deputación destaca o potencial turístico do complexo etnográfico do Mazo de Santa Comba, no Concello de Lugo, dedicado á forza motriz da auga. Trátase dun enclave recuperado polo organismo provincial como un exemplo de arqueoloxía industrial. Así o sinalou o Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, quen destacou o importante papel deste lugar á hora de descubrir a función fundamental do ciclo da auga no desenvolvemento do rural: “a Deputación realizou melloras neste centro de traballo para convertelo nun espazo lúdico-didáctico. No seu tempo foi un punto fundamental para o desenvolvemento económico e social da zona e que marcou un antes e un despois nos traballos do rural”.

Fernández Queipo subliñou que “neste lugar, propiedade da Deputación, pódense observar in situ varios oficios tradicionais vencellados co aproveitamento hidráulico da auga do río Chamoso. Os visitantes que se acheguen ata aquí poderán gozar das antigas fraguas ou mazos que se utilizaban para os traballos de ferrería, serras de madeira, muíño, ou aproveitamentos de enerxía renovables como a turbina para o servizo do complexo. Animo a todos os lucenses a que se acheguen, porque é unha oportunidade de ocio de balde, única para coñecer parte da historia do rural lucense”.

“É un gran exemplo de recuperación do patrimonio hidráulico e etnográfico vencellado ás cuncas fluviais. Os visitantes poderán presenciar como se realizan demostracións sobre o funcionamento dos elementos que compoñen o Mazo”, engadiu.

As visitas ao Mazo de Santa Comba son guiadas e de balde para todos os públicos, e realízanse a grupos mediante inscrición previa. Forman parte do catálogo de actividades de educación e divulgación ambiental que se efectúan desde o Servizo de Medio Ambiente da Deputación e está aberto a todas as persoas, colectivos ou usuarios que queiran achegarse para coñecer este complexo etnográfico.

Nas instalación, os visitantes poderán descubrir paneis informativos que visten o centro e coñecer de primeira man o funcionamento do muíño, do mazo, da serra ou da moa de afiar, mecanismos accionados pola forza da auga e que significaron, no seu tempo, un pulo importante na economía local.

A Deputación, no marco da súa aposta polas enerxías renovables para conservar o medio ambiente e reducir custes, instalou unha turbina hidráulica que aproveita a enerxía cinética da auga do río Chamoso, e xera electricidade completamente verde coa forza da auga, convertendo ao centro etnográfico nun espazo autosuficiente enerxeticamente. Os interesados en concertar unha visita deberán chamar ao teléfono 982 22 78 13 para facer
as súas reservas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com