" />

A Deputación e a penitenciaría de Monterroso, xuntos nun obradoiro de teatro na UTE da prisión

A Deputación de Lugo colaborará co Centro Penitenciario de Monterroso no proxecto Saír, por un intre adiante, un obradoiro de teatro que se levará a cabo na de Unidade Terapéutica e Educativa (UTE) da prisión.

A vicepresidenta da Deputación xunto a actriz Cristina Collazo, responsable do proxecto, e Paula Polo educadora social que desenvolve o Plan de Animación Sociocultural do cárcere anunciaron esta mañá a colaboración que permitirá dar continuidade e reforzar unha actividade que comezou a programarse en 2016 na unidade terapeútica, un módulo específico no que se traballa coas persoas no abondono do consumo de drogas.

A titular de cultura da Deputación valorou o proxecto, que “dá a oportunidade de incrementar o acceso á cultura para a poboación reclusa, con todo o que iso aporta ao desenvolvemento integral da persoa. Desde Vicepresidencia, acreditamos na cultura como dereito, como ferramenta de transformación social, con capacidade para educar, para xenerar experiencias vitais gratificantes e establecer vínculos e canles de comunicación entre as persoas”.

O proxecto teatral Saír, por un intre adiante enmárcase no Plan de Animación Sociocultural do centro penitenciario que desenvolve a asociación Aliad Ultreia en colaboración co Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC.

Tras catro anos de actividade voluntaria, a continuidade e a consolidación do proxecto, que tivo desde o inicio unha moi boa acollida tanto por parte das persoas internas como do equipo terapéutico, requería do financiamento que agora achega a área de Cultura.

O obradoiro, que se desenvolverá de outubro a xaneiro, dúas horas á semana xirará entorno ao xogo e a imaxinación, fomentando unha actitude positiva fronte á adversidade. “A pretensión non vai máis aló que pasar un momento agradable actuando e vendo actuar, desfrutando das posibilidades que o teatro nos ofrece e somerxéndonos en nós mesmas para abrirnos aos demais. Cadaquén poderá elixir a función que quere realizar, dende interpretar, realizar traballos técnicos ou de atrezzo até dirixir.”, explicou Cristina Collazo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo